Sin categoría

Nigrán Decide denuncia a perda de 64.000 € da Xunta de Galicia por non presentar as contas

O Concello de Nigrán recibiu dous requirimentos para acreditar que remitiu as contas do Concello antes do 1 de febreiro de 2019, para poder optar á subvención de 31.998,94 euros para a mellora das infraestruturas vinculadas á prestación de servizos municipais e para optar á subvención de 31.998,91 euros do Fondo de Compensación Ambiental. Estes requirimentos son de imposible cumprimento, pois aínda non se remitiu a Conta Xeral do ano 2017, estando actualmente en período de exposición pública.

En concreto, estas dúas subvencións estaban destinadas para a realización de dúas obras de renovación e substitución de 101 puntos do alumeado público das rúas Gondomar, Baiona, Francisca Lago e na Avenida Reverendo J. M. Pérez que, curiosamente, tiñan un orzamento practicamente igual de 39.998 euros.

Con estas actuacións pretendíase rebaixar os custos de consumo e mantemento, mellorar a calidade do servizo, mellorar os niveis de iluminación e a eficiencia enerxética, ademais de eliminar ou minimizar o risco de caídas de báculos ou de contactos eléctricos, polo que desde Nigrán Decide pediráselle ao goberno municipal que acometa estas con urxencia, especialmente aquelas que son para aumentar a seguridade da veciñanza.

“Como dixera Nigrán Decide no seu día, o Concello de Nigrán ía perder estas subvencións da Xunta de Galicia e, por desgraza, a pesar do afirmado publicamente polo Alcalde de Nigrán de que “non supoñerá perda para Nigrán”, estas son as dúas primeiras subvencións que o Concello de Nigrán vai perder”, sinala José Cuevas, para indicar a continuación que estas obras van ser sufragadas integramente por parte do Concello de Nigrán. “A veciñanza de Nigrán non recibe o diñeiro dos impostos que pagamos á Xunta de Galicia neste caso, pola incompetencia deste goberno”, finaliza Cuevas.