O Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra pon en marcha unha campaña dirixida a sensibilizar aos usuarios dos tractores sobre os riscos asociados ao seu manexo e condución.
Esta campaña informativa e de prevención, combínase coa vixilancia e denuncia das infraccións detectadas. Así mesmo, por medio dun tríptico, confeccionado pola Xunta de Galicia a través do ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral), os gardas civís do Subsector de Tráfico de Pontevedra facilitan información acerca de medidas de prevención fronte a envorcos, por ser o accidente que se produce con maior asiduidade tanto en leiras como estradas.
Nos tres últimos anos (2016 ao 2018) o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra contabilizou 53 sinistros con tractores agrícolas na provincia co resultado de 5 persoas falecidas. A esta lista de falecidos hai que engadir un máis, acaecido o pasado 4 de febreiro en Valga, no que un octoxenario falecía como consecuencia do envorco do tractor que conducía. En todos estes accidentes mortais, o tractor non levaba despregado o arco de seguridade.
O Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra informa que dentro das súas prioridades para garantir a seguridade viaria na provincia, pon en marcha esta campaña para vixiar o estrito cumprimento da normativa que, con carácter xeral, esixe que todos os tractores matriculados a partir do 1 de xullo de 1993, de máis de 600 kg de masa en baleiro e en orde de marcha, deberán ir equipados cun bastidor ou cabina oficialmente homologados para reducir os danos ao condutor en caso de envorco.
Nos últimos anos, púidose confirmar a eficacia dos arcos de seguridade dos tractores, atopándose unha notable diferenza entre aqueles que fan uso do sistema e os que non, cuxos danos materiais en caso de sinistro son moito maiores. Está comprobado que, ao utilizar este dispositivo de seguridade de forma despregada, redúcese en máis do 50 % o risco de falecer en caso de envorco do tractor.
A tolerancia é cero ante a ausencia do seu emprego e pode constituír unha infracción grave tipificada no Regulamento Xeral de Circulación, sancionada con 200 euros de multa e a inmobilización do tractor, que non se levantaría ata tanto non se proceda a despregar o prevido arco de seguridade.
Nos tres últimos anos, o Subsector de Tráfico formulou 376 denuncias relacionadas cos tractores agrícolas e o 35% foron precisamente por non usar na posición superior o arco de seguridade ou estrutura antienvorco.

