O Certame de Coplas de Entroido consolídase en Gondomar

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // A comparsa "Vacas Molonas" de Borreiros durante a súa actuación.

Gondomar celebrou con gran éxito de público o III Certame de Coplas de Entroido, organizado pola Asociación Cultural Centáurea coa colaboración do Concello de Gondomar e a Deputación de Pontevedra. Hai dous anos recuperouse esta parte do Entroido tradicional galego, o recitado ou cantado de coplas nas que contar os acontecementos do ano cunha mestura de crítica e humor.

Nesta terceira edición participaron cinco comparsas, “As Vellas do Taper” de Chaín, “Vacas Molonas” de Borreiros, “Esensias Amorosas” de Peitieiros, e actuando como convidadas, “Animodo de Domaio”, representativa desta tradición do Entroido no Morrazo, e a decana “Os Tarteiras do Casco Vello”, elemento imprescindible do Entroido vigués.

A composición das coplas debía estar redactada integramente en galego, libre, cun mínimo de 8 estrofas, con interpretación acompañada de música, total ou parcialmente. Nas letras non faltaron mencións aos alcaldes de Gondomar e Vigo, as obras no centro urbano, a iluminación de Nadal, a paradas “pantasma” do Vitrasa no barrio da Fraga, a exhumación de Franco, a marcha de Rajoy, a chegada da ultra dereita ou mesmo o accidente de O Marisquiño.

Ademais de cantar coplas, as comparsas participantes realizaron un pasarrúas desde o campo da Feira, percorrendo Elduayen, Eduardo Iglesias e Manuel Losada para finalizar na Alameda, onde se celebrou o certame, presentado e amenizado polos regueifeiros Bieito Lobariñas e Luís Caruncho. Ao finalizar entregouse un agasallo ás comparsas participantes e un premio á mellor valorada polo xurado, que recaeu en “Esensias Amorosas” de Peitieiros.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.