“O estudo é imprescindible para solucionar a contaminación da Foz do Miñor”

Dende a creación da Plataforma pola Protección da Foz do Miñor, son moitas as entrevistas que mantiveron coas distintas administracións involucradas no grave problema da contaminación microbiana que sofre a Foz do Miñor, lugar catalogado como Rede Natura 2000 polos valores naturais que atesoura e pechada ao marisqueo dende hai 19 anos polos altos niveis de contaminación.

Destas conversas, verificaron que as administracións non coincidían na orixe do/s problema/s, polo que dificilmente podían coincidir na/s solución/s. Así que decidiron intentar que unha entidade independente e de comprobada solvencia se fixera cargo de investigar o problema e determinase a súa mellor solución.

En esta liña, hai dous anos que a Plataforma Pola Protección da Foz do Miñor mantivo varias reunións cos alcaldes dos tres concellos do Val Miñor (Baiona, Nigrán e Gondomar). Como froito destas conversas os tres alcaldes comprometéronse verbalmente, ante a Plataforma, a sufragar a partes iguais os gastos da realización de dito estudio, sempre que fora un gasto asumible.

Obtido o compromiso dos tres alcaldes, a Plataforma contactou co anterior reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que lles dirixiu ao departamento de Ecoloxía e Bioloxía. Recibiunos o profesor Ricardo Beiras e o seu equipo, a quen lles expuxeron o problema. Eles acordaron facer un pequeno estudo previo para a confección dun orzamento, que lles foi entregado posteriormente aos tres alcaldes. Dito orzamento supoñería un gasto de 6.000 euros para cada concello, cantidade asumible polos tres municipios.

Segundo sinalan desde a Plataforma, o alcalde de Baiona foi o primeiro en comprometerse por escrito, xa o ano pasado, a achegar a parte que lle corresponde ao seu concello. Hai pouco fixo o propio o alcalde de Gondomar, mediante unha declaración á prensa froito dunha reunión da que foron testemuñas, e na que engadiu unha matización burocrática: que as achegas se fagan a través da Mancomunidade do Val Miñor. “Por último, estamos á espera de que o alcalde de Nigrán cumpra coa palabra que lle deu no seu momento a esta Plataforma e se sume finalmente á iniciativa, pois a súa participación é necesaria para que o estudo se leve adiante, e o estudo é imprescindible para solucionar a contaminación da Foz do Miñor, polo ben da propia Foz, dos valores naturais que atesoura e da poboación dos tres concellos”, conclúen desde o colectivo.