O PSdeG de Baiona, e no nome de Carlos Gómez, candidato á alcaldía nas próximas eleccións municipais, queren congratularse de que unha vez máis a razón impera e o sentido común ten cabida no Concello.
“Facendo uso da representación dos votantes do PSOE, coa protesta levada a cabo polo PSdeG de Baiona e da Deputación Provincial, así como colectivos feministas e, sobre todo, das veciñas e veciños da nosa vila, que non querían que o seu bo nome estivera salpicado de polémicas, logrouse que o goberno municipal de Baiona, co PP ao fronte, tivera que desdicirse deixando en mal lugar a súa responsable de Cultura e viuse abocado a suspender a conferencia que tiña prevista ofrecer Fernando Sánchez Dragó. Cómpre agora saber si Baiona debe asumir custe algún por suspender esta conferencia”, sinalan os socialistas.
Para o PSdeG, unha vez máis, así se manifesta a liberdade de expresión, e non dando cabida e pábulo a senrazón de comentarios que podían ser considerados de índole penal no actual e vixente código penal español.
Á súa vez, Carlos Gómez quere poñer en valor que, tras unha moción presentada no pleno municipal polo PSdeG e votada a favor por todos os concelleiros, Baiona contará nesta Arribada, así como en todos os actos de gran afluencia de persoas, con puntos morados de información e en contra das violencias machistas.
“Unha rectificación obrigada, decente e necesaria”
“Unha marcha atrás esperada, necesaria, decente e obrigada”. Así se manifestou hoxe a deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Isaura Abelairas, tras coñecer a rectificación que este mediodía fixo a alcaldía de Baiona anunciando a cancelación da conferencia de Sánchez Dragó no ciclo da Festa Internacional da Arribada.
A responsable de Igualdade do goberno provincial celebrou a decisión do alcalde Ángel Rodal. “Máis vale tarde que nunca, dixo Abelairas. A decisión é a correcta porque as veciñas e veciños de Baiona e da provincia de Pontevedra non merecían pasar pola vergoña de acoller a un individuo con posicionamentos tan deleznables en asuntos de tanta sensibilidade para a sociedade actual”. A deputada só lamentou “unha polémica que nunca debería ter sido se o goberno local houbera escoitado minimamente á xente”.
En calquera caso, dixo Isaura Abelairas, “benvida sexa unha rectificación que nos reconcilia coa forma de sentir, de pensar e de vivir da cidadanía desta provincia, que defende a ultranza a convivencia democrática e da que tan lonxe está este tipo de persoas”. A deputada de Igualdade celebrou finalmente a marcha atrás do concello “para non deslucir unha festa internacional como a Arribada, coa que tanto colaboramos desde a Deputación de Pontevedra. Nin a Festa, nin Baiona merecíano“, rematou.

