Gondomar lanza unha aplicación móbil para recibir información municipal

O Concello de Gondomar puxo en funcionamento unha aplicación para smartphones, para todos aqueles veciños interesados en manterse permanentemente informados das iniciativas municipais: actividades, axudas, viaxes, campionatos, eventos deportivos, charlas informativas, cursos, festas, entre outros…, poidan facelo en tempo real.

Trátase dunha aplicación gratuíta que calquera poderá descargarse no seu teléfono móbil (tipo WhatsApp por exemplo) e pasará a recibir a información municipal do seu interese que previamente terá que seleccionar, cumprimentando os seus datos nun formulario e marcando o tipo de notificacións que desexa recibir. Trátase dun servizo de mensaxería instantánea que permite aos cidadáns recibir calquera novidade sobre os temas que desexe, que se distribúen por grupos: cultura, deportes, emprego e formación e información xeral.

Isto dá resposta á demanda de información de moitos veciños e veciñas de Gondomar, que por diversas razóns non son usuarios das redes sociais, e tampouco utilizan as páxinas da internet de forma habitual, pero si dispoñen dun dispositivo móbil.

O funcionamento da aplicación gratuíta é moi sinxelo e pode descargarse desde hoxe seguindo estes sinxelos pasos: baixar a aplicación Tokapp desde a App Store, elixir o país (España), aceptar a política de privacidade, engadir o número de teléfono, inserir o código recibido, escoller o nome de usuario para a conta, e posteriormente recibirán unha mensaxe de validación.

“O Concello de Gondomar segue e seguirá apostando pola renovación e modernización de todos os servizos, poñendo as novas tecnoloxías ao alcance de todos os gondomareños”, concluíu o alcalde Paco Ferreira.

Anuncios