1,4 millóns de euros para a prórroga do Plan de Transporte Metropolitano de Vigo

O Consello da Xunta de Galicia autorizou na súa reunión desta mañá a prórroga do convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do Plan de transporte metropolitano de Galicia na área de Vigo para o ano 2020, cun investimento autonómico de case 1,4 millóns de euros.

Segundo este acordo, o Goberno galego achegará 1,1 millóns de euros que permitirán financiar o 80% dos descontos que se aplican nos billetes interurbanos, ademais do 100% dos transbordos, que son gratuítos, e as bonificacións adicionais para usuarios recorrentes e membros de familias numerosas.

Os 12 concellos que integran a área de transporte metropolitano de Vigo achegarán no seu conxunto preto de 266.000 euros.

Grazas a este acordo garántese a continuidade un ano máis dun plan social que supón importantes aforros económicos para os usuarios e segue a senda do fomento do transporte público por parte do Goberno galego.

O Plan de transporte metropolitano na área de Vigo rexistrou o ano pasado máis de 3 millóns de viaxes na comarca e, en canto a modalidade de transporte, cómpre destacar que o 40% dos desprazamentos seguen a corresponder coas navieiras e o 60% co autobús.

Coa súa achega, a Xunta financia ademais o 15% de desconto adicional que se aplica aos usuarios recorrentes e a membros de familias numerosas, neste caso de entre o 20% e o 50% en función da categoría.

Desa forma, o uso da Tarxeta de transporte metropolitano permite aforros de ata os 600 euros anuais nos desprazamentos cotiáns, unha menor contía que a que se acada noutras cidades galegas, debido á negativa do Concello de Vigo a integrar o transporte urbano.

A área de transporte metropolitano de Vigo está integrada por un total de 12 concellos: Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior.

O Plan de transporte metropolitano de Galicia está a funcionar actualmente en cinco áreas de Galicia (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo e Vigo) con 65 concellos incorporados, permitiu subvencionar o ano pasado case 15 millóns de viaxes, que supón un incremento do 4,5% con respecto ao ano anterior.

Tarxeta Xente Nova

No marco do Plan de transporte metropolitano, preto de 49.500 mozos menores de 19 anos viaxan gratis no autobús interurbano grazas á tarxeta Xente Nova, implantada en agosto de 2016 polo Goberno galego.

En concreto, na área de transporte metropolitano de Vigo distribuíronse máis de 12.400 desde a súa posta en marcha.

Con este programa búscase facilitar o acceso da mocidade aos servizos básicos como a sanidade ou a educación, fomentando o emprego do transporte público, formando as novas xeracións no seu uso, ao tempo que se axuda de forma substancial ás economías familiares.

Plan de transporte público de Galicia

O Goberno galego está a traballar actualmente na reordenación de todas as liñas de autobús de Galicia co obxectivo de ofrecerlles aos cidadáns uns sistema de transporte público máis útil e atractivo.

Así, no marco do Plan de transporte público de Galicia, de forma progresiva, desenvolverase a posta en marcha dunha área única de transporte que estenda os beneficios do Plan de transporte metropolitano a todas as liñas interurbanas de Galicia. Esta iniciativa levará grandes vantaxes sociais a todo o territorio, especialmente ao rural, onde a poboación se poderá beneficiar de importantes medidas sociais.

Así, o uso da tarxeta TMG para o pagamento do billete suporá un desconto do 10% con respecto ás tarifas xerais xa desde o primeiro día, con bonificacións extra por recorrencia, e todos os menores de 19 anos poderán empregar a tarxeta Xente Nova para viaxar de balde.