Sin categoría

Nigrán Decide pide a legalización da rede Wifi gratuíta do Concello

Nigrán Decide preguntou pola seguridade no tratamento de datos da rede Wifi gratuíta do Concello, pondo de manifesto o descoñecemento de que eses datos, entre os que se encontran os correos electrónicos, a idade e os perfís sociais das persoas que accedan a esta rede a través de redes sociais, están sendo almacenados por unha empresa de Badalona, coa que o Concello de Nigrán non ten ningunha relación contractual. Esta empresa, que na práctica é unha encargada do tratamento destes datos, debería ser nomeada como encargada por parte do Concello, polo que aparentemente estanse transferindo datos de forma ilegal a esta empresa.

Ademais, Nigrán Decide solicitou información por escrito, por dúas veces, os datos do titular e todos os responsables do tratamento dos datos obtidos mediante o acceso e navegación a través da rede Wifi gratuíta ofrecida polo Concello de Nigrán e o tipo de datos que se almacenan, así como dos titulares dos soportes físicos onde se gardan copia e se almacenan os datos e a copia dos contratos que vinculan ao Concello con ditos responsables.

Ante a falta de resposta do goberno municipal, o grupo municipal de Nigrán Decide presentou unha queixa ante o Valedor do Pobo pola posible violación por parte do goberno dos dereitos fundamentais da veciñanza de Nigrán, non contestando tampouco o goberno aos requirimentos da Valedora do Pobo.

“Dá a impresión de que o goberno municipal activou unha rede Wifi ilegal, que estivo transferindo datos da veciñanza de Nigrán, e agora non é capaz de recuperalos”, sinala José Cuevas, para engadir que este goberno “actúa alegre e irresponsablemente, sen medir as consecuencias dos seus actos, polo que o goberno debe recuperar os datos transferidos e poñer en funcionamento a rede Wifi do Concello dentro da legalidade. Nigrán Decide, que ve positiva a existencia desta rede, esixe ao goberno municipal que a poña en funcionamento con todas as garantías legais”, finaliza Cuevas.