Nigrán centra a súa programación do Entroido no Concurso de Comparsas

O Concello de Nigrán centra a súa programación de Entroido no Concurso de Comparsas do sábado 9 de marzo polo centro de Nigrán dende as 19:00 horas, agardando que ese horario atraía a un público familiar (as comparsas interesadas en participar teñen de prazo ata o 1 de marzo para inscribirse, as bases están na web municipal). O desfile culminará co concerto do divertido dúo Alfeizar.

Sen embargo, os actos do Entroido arrancarán o venres 1 de marzo co desfile escolar dende as 12:00 horas polo centro de Nigrán (colexio Humberto Juanes e A Galiña Azul de Nigrán). Ao día seguinte será o xa tamén tradicional carnaval surfeiro de Patos Surf Club dende ás 11.00 horas nesta praia (o requisito imprescindible é meterse na auga disfrazado). O luns 4 será o Entroido infantil no Auditorio dende as 17:30 horas e ao día seguinte, martes 5 de marzo, pola mañá acollerá o concurso de Entroido que cada ano realizan conxuntamente os centros de día do Val Miñor e xa pola tarde (dende as 19:00 horas) realizarase un baile con música en directo, un fotomatón e merenda a base de doces típicos da época. O sábado 9 será o xa mencionado Concurso de Comparsas e o domingo día 10 o Concello organiza por segundo ano consecutivo a excursión de maiores a Cuntis para festexar a “Festa do Lacón” (será preciso inscrición previa).

O Entroido finaliza o sábado 16 de marzo co tradicional Enterro do Kiko de Parada que, unha vez máis, partirá dende a Casa do Concello ás 18:00 horas tirado por un carro de bois para ser velado dende as 19:00 horas no Torreiro de Parada, actos que rematarán coa súa queima e o concerto do grupo Azar.

«Programamos un Entroido no que teñan cabida todos os públicos e tamén con actividades específicas para o desfrute dos nenos e dos maiores, ademais, queremos poñer en valor as tradicións máis locais como é o caso do Enterro do Kiko que recuperamos hai 3 anos», explica o alcalde, Juan González.

2019-02-20 - Programa_Entroido_link_Banners