Manifesto Miñor acusa a Ferreira de ter paralizado o PXOM

Manifesto Miñor esíxelle ao alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, que se poña a traballar no PXOM sen dilación para que, cando menos, a nova corporación municipal que entre en maio, poida contar cunha empresa legalmente contratada para continuar os traballos de redacción do novo documento urbanístico do municipio.

“Se alguén tiña dúbidas dos parámetros políticos nos que se move Paco Ferreira (incapacidade para o consenso, “mando y ordeno”, caciquismo, incluso a vinganza contra o adversario político), coa tramitación do PXOM todo iso quedou máis que claro. Todas aquelas propostas que non veñan en exclusiva del, ou que entenda que non lle van dar réditos políticos, non lle interesan, e polo tanto había que paralizalas, cando non boicotealas, ou metelas no caixón como fixo co PXOM”, afirma Antonio Araújo.

O que foi concelleiro de Urbanismo recorda que despois da saída ás parroquias a finais do 2016 a lle explicar á veciñanza o novo borrador do PXOM, “con case un ano de demora polas “dúbidas” do Sr. Alcalde”, o resultado dese debate público tivo como consecuencia inmediata a presentación de máis de 600 suxestións e 1000 veciños participantes nas asembleas parroquiais, pero sobre todo, creou na veciñanza a expectativa optimista de que por fin algo serio se movía no PXOM de Gondomar.

O 29 de xullo de 2018, despois de informar favorablemente a Intervención Municipal de que era posible facer a cesión do contrato de EPTISA a Alfonso Botana S.L., tal como sempre defendeu Araújo en base ao informe emitido pola Universidade da Coruña, o Alcalde anunciou nos medios de comunicación que apartaba ao concelleiro da tramitación do PXOM.

O 4 de agosto de 2018 a Xunta de Goberno Local aproba por unanimidade autorizar a cesión do contrato da redacción do PXOM de EPTISA a Alfonso Botana S.L., o que é comunicado a ambas as dúas empresas.

O 14 de agosto de 2018, Paco Ferreira anuncia un novo cronograma segundo o cal, en dous meses estarían resoltas as suxestións presentadas pola veciñanza, e antes de seis meses estaría presentado na Consellaría correspondente o novo PXOM para os informes de Sustentabilidade Medioambiental e de Mobilidade, deixando ver que era posible telo listo para a súa aprobación inicial antes de rematar o mandato.

“O resultado da brillante xestión e do interese que Paco Ferreira ten polo PXOM, por non falar do desprezo ás persoas que presentaron as súas suxestións en tempo e forma, é que a día de hoxe, 6 meses despois da autorización pola Xunta de Goberno Local da cesión do contrato de EPTISA a Alfonso Botana S.L., aínda non está feita esa cesión ante notario, polo que formalmente Gondomar está sen equipo redactor e con todo o proceso paralizado”, lamenta Araújo.

“Unha vez máis Paco Ferreira vendeu fume enganado á veciñanza sen reparar no dano e nas consecuencias que iso está facendo a centos de veciños, pendentes dunha ordenación urbanística que lle aclare a situación das súas propiedades e sobre todo que lle dea garantías xurídicas e tranquilidade á hora de construír, aumentar, rehabilitar, ampliar, etc as súas vivendas”, conclúe o portavoz de Manifesto Miñor.

Anuncios