O Grupo Municipal Esquerda Unida – Son de Baiona esixe ao goberno municipal que se anule a intervención do “abusador sexual” Fernando Sánchez Dragó no VII Ciclo de Conferencias dos Pobos Colombinos de España, “xa que doutro xeito entenderiamos que non se atopan moi lonxe da posición política que defende e que antepoñen o seu recoñecemento a nivel nacional (segundo o Sr. Alcalde) á moralidade deste individuo”, afirma o seu portavoz, Silvano Montes.
“Dos creadores da conferencia ‘Ser un mesmo, ser persoa en calquera circunstancia da vida’ impartida por un moroso da Axencia Tributaria, chega agora ‘E alá, á súa fronte Istambul!’, impartida por un ‘abusador sexual’ confeso, negacionista da violencia machista e ‘liquidador’ dos servizos públicos. No seu afán de superación de despropósitos, o goberno municipal, que se viu obrigado a cancelar a conferencia do ‘moroso’ ante a presión popular dos veciños de Baiona, sorpréndenos de novo coa programación dunha conferencia a cargo dun ‘abusador sexual’”, lamenta o portavoz de Esquerda Unida.
“Sen entrar a valorar a calidade do contido da conferencia, do mesmo xeito que ocorreu co ‘moroso’, parécenos indignante que se lle dea altofalante a un (segundo o artigo 183 do Código penal Español), ‘abusador sexual’. Na súa fuxida cara adiante, o Sr. Alcalde, en declaracións á prensa, alude á liberdade de expresión e di que ‘non está investigado, nin xulgado, nin condenado, que eu saiba’. Por suposto, ignoramos se é delito en Xapón ‘Trajinar con Lolitas de 13 años’ pero en España si o é; pero en todo caso cando o fixo público xa prescribira. Pero non chegamos a entender que relación ten a liberdade de expresión con que lle trajinen Lolitas”, conclúe Silvano Montes.

