A Asociación de Mulleres Area Loura mostra a súa repulsa á conferencia de Sánchez Dragó

A Asociación de Mulleres do Val Miñor Area Loura, fai pública a súa repulsa ao acordo adoptado polo alcalde de Baiona, Ángel Rodal, ao insistir en manter a presenza de Sanchez Dragó no cartel de conferenciantes nos actos conmemorativos da Arribada 2019.

Desaprobamos as palabras do Sr. Alcalde cando recoñece publicamente que descoñece e non quere entrar nalgúns pronunciamentos do seu invitado, e apela á liberdade de expresión para mantelo en cartel, aducindo que non quere “entrar en debates” e ao tempo desoíndo queixas por parte de diversos colectivos e partidos políticos, o que deixa patente a súa mentira cando alega non querer danar nin ferir sensibilidades ou apostar pola igualdade.

Reprobamos enerxicamente que o Sr. Rodal dea por válido e lle serva de argumento o feito de que esta persoa a día de hoxe, aínda non estea investigada, xulgada nin condenada por feitos graves o que pode entenderse como conformidade pola súa parte a situacións de inxustiza e violencia na que viven miles de persoas neste país.

Así mesmo, cáusanos total e absoluta estrañeza que en ningún momento se manifestara a responsable da Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, quen debería facer pública a súa opinión acerca da presenza en cartel dun recoñecido pederasta misóxeno, xenófobo e contrario aos valores democráticos deste país.

Xa por último, entendemos insuficiente por parte da Deputación Provincial, que a súa reprobación se limite a unha mera “solicitude” para que o alcalde desista na elección do seu invitado, pois ao tratarse este dun personaxe que alardea de levar a cabo actos ilícitos, debe ser condenable e rexeitado por calquera Administración pública coa perda das subvencións que poderían corresponderlle.

Anuncios