A Arribada contará cun punto de información contra a violencia sexual

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, anunciaron hoxe que a Festa da Arribada, que se celebrará entre o 1 e o 3 de marzo, contará cun punto de información contra a violencia sexual. No acto, que se celebrou no CPI Cova Terreña, tamén estiveron presentes a concelleira de Igualdade, Carmen Paredes, o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e a directora do centro educativo, Isabel Martínez Cabaleiro, así como outros membros da corporación municipal, asociacións de mulleres, entidades deportivas, empresarios e empresarias e Forzas e Corpos de Seguridade, entre outros.

O posto estará situado no Paseo de Elduayen e contará con cartelería e outro material de divulgación e sensibilización, como pulseiras, imáns, mochilas, etc. Estará atendido por 4 educadores, que estarán presentes entre as 20:00 horas e as 2:00 da madrugada o venres 1 de marzo, entre as 20:00 e as 03:00 o sábado 2 e entre as 16:00 e as 21:00 horas o domingo 3. Tamén contará con servizo de atención psicolóxica para traballar coordinadamente coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e de Protección Civil ante calquera necesidade que poida xurdir.

Esta actividade está enmarcada no acordo recentemente asinado entre a Vicepresidencia e a Axencia de Turismo de Galicia, e que ten como obxectivo difundir a campaña “Agresión Off, Eu digo non á violencia sexual” tanto nas festas de interese turístico galego, nacional e internacional, como nos festivais acollidos á marca “Fest Galicia”. Este acordo forma parte das medidas postas en marcha ao amparo do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, unha ferramenta de gran relevancia para loitar contra esta secuela e que aposta pola coordinación, colaboración e cooperación de todas as institucións e pola sensibilización do conxunto da sociedade, especialmente á mocidade.

A idea principal é a de chegar de forma sinxela e accesible ás persoas máis novas e involucralas na necesidade de tomar conciencia na loita contra as agresións sexistas. Tales situacións prodúcense especialmente durante as festas, adoitan darse entre a poboación máis nova e son as violencias que máis desapercibidas pasan polo ambiente e o contexto en que se producen.

Distribuiranse un total 1000 carteis da campaña. Haberá un bloque con información xenérica e distribuída en todos os postos e negocios da vila; así tamén estes carteis estarán expostos en medios de transporte de acceso á vila (autobuses, taxis e barcos). Un específico con contidos concretos colocados nos cuartos de baño dos establecementos e cuxos mensaxes inciden nas relacións de respecto e bo trato. A maiores repartirase en establecementos de restauración material promocional (manteis, pousavasos…), para visibilizar a campaña. Uníronse á campaña distintas entidades, entre elas Aceba, Naviera Mar de Ons, Naviera Piratas de Nabia, Asociación de Taxistas de Baiona, Galisur e ATSA, que distribuirán o material da campaña.

Na presentación fíxose un chamamento a todos aqueles establecementos que queiran material poden solicitalo a través do correo electrónico baionaagresionoff@gmail.com. Aceba dispoñerá de todo o material a partir do próximo venres, para que aqueles establecementos socios que o desexen recóllano alí. Paralelamente, dirixido aos mozos, ponse en marcha o concurso “axúdanos a difundir a campaña e gaña un smartphone” a través de Instagram.

20190220_124553