A Asociación Novo Cemiterio de Priegue e o Concello de Nigrán comezaron no ano 2016 a busca dunha solución para regularización da ampliación en 1.262m2 do cemiterio de Priegue acolléndose á Disposición adicional primeira de regularización de cemiterios, decreto 151/2014 de 20 de novembro, de sanidade mortuoria de Galicia.
Ao non existir documentación que acredite exactamente a súa data de construción tívose en conta o primeiro enterramento que tivo lugar nel, ocorrido o 28 de decembro de 1987. A ampliación consistiu na construción de 4 niveis de socalcos na ladeira do monte, de xeito que se situaron 8 bloques de nichos de varios niveis, situados de xeito simétrico respecto a unha escaleira central de acceso que ascende pola ladeira. Na súa construción empregáronse muros de contención de cachotería ciclópea, laxas e chanzos de granito e elementos de cantería nas fachadas dos nichos, de características semellantes ós empregados na igrexa e cemiterio preexistente.
Segundo indica Patrimonio no seu informe final emitido o 9 do pasado xaneiro “en conxunto trátase dunha actuación razoablemente discreta, que non desentoa cos bens afectados e resulta compatible con eles en canto á súa escala e implantación, polo que se considera que non supón menoscabo das condicións dos bens” e polo tanto conclúe que “a actividade solicitada é compatible coa protección do patrimonio cultural”.
“Despois de máis de 30 anos da súa construción e dun longo proceso de regularización iniciado a principios de 2016 por fin a ampliación do cemiterio de Priegue vai legalizarse xa que a Consellería de Sanidade puña como requisito o informe favorable de Patrimonio. Tres anos de tramitacións ante a Xunta de Galicia por parte o Concello de Nigrán e da Asociación de propietarios do Cemiterio de Priegue que poñerán fin a unha construción que no seu día supuxo un grave desencontro social e veciñal pero que o esforzo de todas as partes, sobre todo de Serafín Villanueva e José Misa, estamos a piques de solucionar de xeito definitivo”, destaca o alcalde, Juan González.

