Sin categoría

O Vigo-Rías Baixas inicia a Copa de España reforzado co costarriqueño Moya

Chega unha data marcada en vermello desde hai tempo no calendario do Vigo-Rías Baixas. Este domingo celébrase na localidade estremeña de Don Benito o Circuíto Guadiana, a primeira das nove probas puntuables para a Copa de España Elite e Sub23. O certame máis prestixioso a nivel estatal é unha prioridade esta campaña para a estrutura presidida por José Luis Chamorro e co obxectivo de aspirar ao máximo o conxunto olívico aumenta o seu potencial coa fichaxe do costarriqueño Sebastián Moya.

O ciclista centroamericano aterrou este martes no aeroporto de Vitoria. Alí foi recibido por Gorka Beloki, o mánager deportivo do equipo, quen convenceu a Moya para dar o salto ao pelotón europeo. Aos seus 22 anos, este escalador nado na provincia costarriqueña de Cartago, conta no seu palmarés con triunfos como o obtido o pasado mes de decembro na Volta a Costa Rica. Defendendo as cores da selección nacional sub23 do seu país impúxose na cuarta etapa desta carreira para corredores profesionais.

Moya debutará este domingo coa súa nova camisola, unha semana despois de que os seus compañeiros iniciasen a tempada participando no Memorial Manuel Sanroma. O debutante na categoría Gabriel Ochando foi o representante máis destacado do Vigo-Rías Baixas nesta proba de dous días disputada en Almagro (Cidade Real). O seu oitavo posto na segunda xornada serviulle para finalizar na novena posición da xeral.

O rendemento deste prometedor corredor madrileño outorgoulle unha praza no ‘sete’ que o director deportivo Iván Rodríguez terá á súa disposición no Circuíto Guadiana. O resto da aliñación compóñena Samuel Blanco, Carlos Cobos, Víctor Hernández, Julián Barrientos e Sergio Álvarez.

Cun bloque infestado de escaladores, o Vigo-Rías Baixas tentará ser protagonista nos 171 quilómetros con saída e chegada en Don Benito. As ascensións a Magacela son o punto máis esixente do tradicional percorrido no que se dan catro voltas a un circuíto 42 kms. O inicio da 53ª edición desta clásica está marcado para as 10:00 horas e a carreira concluirá preto das 14:00.