
Nigrán Decide iniciou o proceso de elaboración da candidatura que se vai presentar ás eleccións municipais de maio.
Nigrán Decide pretende que a candidatura para as eleccións municipais de 2019 sexa elaborada por consenso, formando un equipo de traballo homoxéneo. Ademais, preténdese que a candidatura sexa paritaria por xénero, os postos de mulleres e de homes deberán ser alternos, representativa de todas as parroquias e con presenza importante da mocidade de Nigrán.
No proceso de elección da candidatura, realizaranse dous procesos de elección consecutivos. Un para elixir a persoa que encabece a candidatura e outro para elixir o resto da candidatura, finalizando o prazo para inscribirse como persoa candidata de Nigrán Decide o día 28 de febreiro de 2019 ás 23:59 horas.
Na segunda fase de elaboración da candidatura, a persoa que resulte elixida como candidata de Nigrán Decide á Alcaldía elaborará unha proposta de candidatura, seguindo os principios, obxectivos e características recollidas no regulamento de elaboración da candidatura, que terá que ser referendada pola asemblea de Nigrán Decide.
As persoas que desexen formar parte deste proceso electoral interno de Nigrán Decide, ben como candidatas ou como electoras, deberán inscribirse mediante o envío dun correo electrónico á dirección nigran.decide@gmail.com ou mediante o envío dunha mensaxe ou WhatsApp ao número de teléfono 686 47 45 83.