A gondomareña Luisa Pintos, subcampioa no Torneo Estatal de Tenis de Mesa

FOTO: RFETM // Luisa Pintos no segundo caixón do podio.

O Polideportivo Pisuerga da cidade de Valladolid acolleu do 15 ao 17 de febreiro as roldas finais do Torneo Estatal de Tenis de Mesa 2019. Cun total de 696 deportistas, procedentes de 190 clubs diferentes, as 19 probas programadas desenvolvéronse en máis de 2100 partidos de competición.

Este campionato estivo organizado pola Federación de Castela e León de Tenis de Mesa e a Real Federación Española de Tenis de Mesa, coa colaboración da Fundación Municipal de Deportes de Valladolid.

Tratouse do Torneo de máximo nivel da tempada, pois nel participaron can cada categoría os 48 mellores xogadores clasificados nos catro Torneos Zonais celebrados no pasado mes de novembro e no Torneo de Repesca celebrado en decembro.

A este torneo acudía a xogadora xuvenil de primeiro ano do Illas Cíes Tenis de Mesa, Luisa Pintos Barreiro, co posto 25 do ránking, acompañada pola xogadora rusa do club Ekaterina Krivosheeva. A fase de grupos disputouse o venres 15 e sábado 16, onde gañou todos os seus partidos, pasando como primeira de grupo ao cadro final, a oitavos de final.

O domingo 17 disputouse o cadro final, onde foi pasando de rolda ante grandes e máis experimentadas xogadoras. En oitavos de final venceu á catalá Lida Rico do Ripollet, por 3-2, en cuartos á tamén complicada xogadora catalá que adestra no Centro de Alto Rendemento de San Cugat Mireia Pereto do Ripollet, por outro axustado 3-2 e en semifinais á xogadora vasca Elene Segardia do Irún LekaEnea, por un claro 3-0, alcanzando o seu mellor momento de xogo na xornada.

A final enfrontouna á xogadora catalá xuvenil de terceiro ano Nerea García, do Girbau Vic TT, ante a que caeu por 3-0. Regresar co segundo posto a nivel nacional é unha gran satisfacción para a xogadora de Gondomar.