Anuncios
Ticker de novas

A Deputación pecha a Liña 2 do Plan Concellos con 60.000 € para Gondomar e 90.600 € para Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Solpor Monteferro.

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar a terceira e última relación de subvencións do Plan Concellos 2019 correspondentes á Liña 2 para amortizacións, pago de débedas, gastos correntes e actividades, por valor de máis de 1,2 millóns de €. Así, a institución provincial pecha a Liña 2 do Plan Concellos 2019, dotada con 3,9 millóns de €, e pola que este ano se benefician un total de 47 concellos da provincia. “Deste xeito, esta Administración segue garantindo que a maioría dos concellos da provincia poidan sacar adiante os seus proxectos e actividades”, explicou a presidenta provincial tras a última Xunta de Goberno.

En concreto, na última relación de municipios figuran 23 concellos: Agolada, Arbo, Covelo, Cuntis, A Estrada, Gondomar, O Grove, Marín, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Trátase de axudas por un valor total de 1.254.731,27 euros. Permitiranlles aos municipios custear os gastos de amortización de débedas e gastos correntes, así como actividades municipais, tales como programacións culturais, obradoiros, actuacións musicais, festas e feiras ou actividades deportivas e educativas.

Coa aprobación destas novas partidas, a Deputación pecha as achegas para a Liña 2 do Plan Concellos, para a que se destinaron 3,9 millóns de euros. Dentro dos investimentos incluídos nesta liña, case 2 millóns de euros destináronse para actividades municipais (deportivas, culturais, sociais, educativas….), 1 millón de euros foi para gastos correntes novos e os demais foron para pago de débedas a acredores e a entidades financeiras. “A gran maioría dos investimentos aprobados foron para garantir a realización de actividades de todo tipo por parte dos concellos. Contribuímos así ao bo desenvolvemento das actividades municipais e dos gastos cotiás dos municipios”, sinalou Carmela Silva.

Na comarca do Val Miñor, Gondomar percibe un total de 60.030,74 euros para o Ciclo Primavera Musical, XVIII Carreira Pedestre Memorial Manuel Barros, Gondomar á Escena, II Gladiator Kids, Falamos: charlas obradoiro, talleres de ximnasia, de memoria e de informática para maiores, IV Gala do Deporte, Festa da Rosquilla, Cinema na rúa, tobogán de auga e Gondoverán. En Nigrán serán un total de 90.616,81 euros para a Nigrán Paint Party, Entroido Nigrán, Noite de Estrelas-Folk, Orquestra Sinfónica de Acordeóns, Nigrán Jazz, IV Carreira Nocturna, Liga Española Raids, Programa Cultura Urbana, Premios Nigrán 2019, Rock in Patos, Flota como Poidas, Festa San Fiz, Nigrán Area, Festival Vive Nigrán, Noite de Música Clásica, Nigrán Mar de Sabores, III Desafío Triatlón Illas Estelas, Cineforum Val Miñor, Travesía a Nado e Solpor Monteferro.

Anuncios