
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da aprobación pola Xunta de Goberno de dous investimentos para Nigrán con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019 por un valor total de 170.476 euros. En concreto, son 101.736,17 euros para o acondicionamento da praza pública da Carrasca e outros 68.739,83 euros para financiar a pavimentación de diversos camiños na parroquia de Panxón. Este ano a institución provincial pon a disposición de Nigrán ao través do Plan un total de 1.025.470,24 euros, un 2,94% máis que no 2018.
Máis polo miúdo, a actuación de acondicionamento na praza pública da Carrasca implica o reordenado do entorno, mellorándoa esteticamente e renovando o pavimento existente. Pola súa banda, na parroquia de Panxón vaise a executar a pavimentación nos camiños de Lousas, Pastora, Redonda, Lagoa-Seixo e Arribas Blancas.
Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 712.998,49 euros, o concello de Nigrán tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 90.616,81 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 221.854,94 euros da Liña 3 de emprego cos que a Deputación financia a contratación de 24 traballadores e traballadoras para o concello.