Anuncios
Ticker de novas

Nigrán celebra este fin de semana en Priegue o seu primeiro “Festival Folk de Entroido”

O Concello de Nigrán celebra durante todo este fin de semana no Centro Cultural “O Torreiro de Priegue” o seu “I Festival Folk de Entroido” co apoio de Pontegal. Este congregará a grupos folclóricos de toda a comarca e rematará cun xantar de lacón con grelos o domingo para o que é preciso inscribirse previamente e abonar 15 € (652 849 933). Ademais, como estrea do novo espazo de xogo realizado polo goberno local (vencellado á restauración da antiga escola infantil para o uso da A.V. A Irmandade) celebrarase dende as 11:00 horas do sábado un torneo de petanca.

As actuacións folclóricas comezarán o sábado ás 19:00 horas coas Pandereteiras da AV Monteferro de Panxón, Pandereteiras C.C.A Camoesa (19:30) e Os Escaravellos de Beade (20:00). O domingo continúa con Brisas de Bouzas ás 12:00, Roibén Folk (12:30), Lirolai Folk (13:00) e xantar dende as 14:00 horas.

“É un festival que ten como obxectivo quentar os motores para a celebración do Entroido en Nigrán e ao mesmo tempo pretende poñer en valor este espazo recentemente remodelado para que sexa un verdadeiro punto de encontro de nenos e maiores da parroquia”, sinala o alcalde, Juan González.

O Concello de Nigrán investiu 51.064,42 euros euros do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra para rehabilitar e crear novas zonas de xogo neste espazo (unha pista multideportes) e mellorar as existentes, así como realizar unha nova división interior da antiga escola pechada durante décadas co fin de cedela ás entidades da parroquia para o seu uso.

Anuncios