O Gondomar CF estrea nova imaxe corporativa e crea unha sección de eSports

O Gondomar CF presentou este luns a súa nova imaxe corporativa nun abarrotado Centro Neural, onde houbo presenza da Federación e de institucións públicas. Diferentes clubs, técnicos e adestradores do fútbol galego, desde primeira división a terceira, pasando por categorías rexionais e 2ªB, demostraron o agarimo que se lle ten ao equipo, deixando pequeno o recinto.

A nova imaxe da entidade centenaria foi deseñada polo gondomareño Mak Aguiar (Andrés Aguiar). En palabras do propio Mak “un escudo que rompe esquemas en canto a deseños, pero elegante e formal, á vez que serio. Utiliza a G, o ano de fundación do club e o nome da entidade, para formar o conxunto dun escudo azul mariño, recuperando cunha pincelada vermella, a unión coas súas orixes”.

Nova sección deportiva

Con todo, o protagonismo foi compartido, pois ao novo escudo sumouse outro, o dunha nova sección deportiva que espertou as maiores ovacións da presentación: a chegada dos eSports. Como explicou o seu responsable, Juanjo Santos, “unha sección que abarca deportes electrónicos de alto rendemento, onde o club contará con varios equipos de diferentes modalidades, que competirán profesionalmente”. O GCF eSports estará presente en todas as disciplinas que abarquen competicións profesionais do xogo dixital. As redes sociais para poder seguir, solicitar información ou querer participar son @ GCF_eSports. Esta sección deportiva conta cun logotipo propio, que recolle o novo escudo do club, pero que lle dá un aire que o achega ao mundo dixital. Un emblema que dota de modernidade á historia da vila, co rostro de Diego Sarmiento, o máis representativo dos Condes de Gondomar.

Novas redes do club

Por último, o club tamén presentou as redes sociais oficiais, que son @gondomarcf tanto para Facebook como Twitter e Instagram. Ademais, presentouse a páxina web www.gondomarcf.com na que se recollerá todo tipo de información relativa á entidade.

Durante a presentación, o presidente do Gondomar CF, Moisés Iglesias, lembrou que desde a chegada ao club e tras marcarse o difícil reto de saír a competir dada a mala situación que había, na que parecía que ía desaparecer, “optamos por dar vida ao club e poñelo ao día. Temos uns profesionais moi ben coordinados e viñemos para quedarnos, superaremos os obstáculos do camiño e volveremos crecer. Ademais dos eSports crearemos categorías base e daremos unha función social ao club, acorde coa súa longa historia e coa vinculación que temos co Concello, a final de contas levamos o nome de Gondomar”.

Delfín Alonso, Delegado en Vigo da Federación Galega de Fútbol, comentou que “cheguei ao cargo hai escasamente unha semana e faime moita ilusión que o meu primeiro evento sexa apoiando a este centenario e importante club, gústanme as iniciativas que levan a cabo e estaremos a apoiar todas e cada unha delas. Dou as grazas pola invitación e o agarimo con que me acolleu o club, e é unha satisfacción para min, ver o abafador apoio que esta entidade ten, do fútbol galego”.

O Vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Fernando Iglesias, remarcou que desde a chegada de Rafael Louzán “experimentamos varios cambios, chegando a modificar tamén o emblema e modernizando a Federación. Gústame moito a nova imaxe do club e animo á súa directiva para desenvolver este proxecto que tan boa pinta ten, e que saiban que a Federación estará aí para o que necesiten”.

Finalmente, Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, destacou que “a imaxe do novo club é un acerto total, encántame, e creo que era moi necesaria. É unha sorte que o club poida contar cun presidente tan traballador e dos que dá gusto apoiar, é dos que non falan e se traballan. O proxecto é o que necesita un pobo que tanto aposta polo deporte. Estaremos como estivemos para apoiar ao club en todo o que podamos, e quero dar as grazas particularmente a Moisés por dar o paso de coller o club no momento máis difícil. Estou convencido que sairedes adiante en todo o que vos propoñades”.