Anuncios
Ticker de novas

Nace en Vilariño a Asociación Cultural Vencellos

Este domingo constituíuse a Asociación Cultural Vencellos de Vilariño. Nunha reunión celebrada no Convento situado na rúa Pais Franciscanos, aprobáronse os estatutos e a acta fundacional. A iniciativa, que parte dun grupo de veciños, ten como obxectivo recuperar a antiga unión das xentes do lugar e as actividades que se viñan celebrando no Convento e que desde hai anos están desaparecidas.

“Hoxe xuntamos ao pobo para contarlle as nosas inquietudes, ler os estatutos que estamos a preparar e un pouco comunicarlle o que imos facer”, sinalou a ValmiñorTV Nazaret Araújo, secretaria da Asociación. En principio vai ser unha asociación cultural, con actividades como rutas de sendeirismo, xornadas informativas, cursos, charlas, clubs de lectura, teatro, cinema, aberta non só aos veciños e veciñas de Vilariño, senón tamén ao resto da comarca.

A próxima semana presentarán a documentación ante a Xunta de Galicia para que se aprobe a constitución da Asociación, e unha vez pasado este trámite, solicitarán ao Bispado a cesión dun local, en concreto a zona do teatro do Convento de Vilariño. “O Bispado mostrouse receptivo e o Concello axúdanos na mediación”, comenta Nazaret, que espera que en 15 días ou un mes poidan ter xa unha resposta.

A Xunta Directiva da Asociación Cultural Vencellos de Vilariño estará composta por Viviana Peixoto Iglesias, que ocupará o cargo de presidenta, Alfonso Domínguez Pascual como vicepresidente, Nazaret Araújo Díaz, como secretaria, e Pablo de Saa Pereira, que será o tesoureiro. Carmen Araújo Araújo, Susana Aristondo Dantes, Pedro González Souto e J. Carlos Riveiro Valverde serán os vogais.

A Asociación xa dispón de páxina en Facebook e de correo electrónico asociaciacionvencellosvilarino@hotmail.com.

Anuncios
error: Contido protexido