Victoriano Taibo xa é fillo adoptivo de Gondomar

O escritor e mestre Victoriano Taibo, membro fundador das Irmandades da Fala e integrante da Real Academia Galega, é dende este venres fillo adoptivo de Gondomar a título póstumo. O alcalde, Paco Ferreira, entregou nun emotivo acto celebrado no Auditorio Lois Tobío un pergamiño á súa filla, Gloria Taibio, e dous dos seus netos.

O goberno local fai este recoñecemento a petición do IEM como paso previo á solicitude dun Día das Letras na súa honra, tras anos de traballo na difusión da súa figura e da súa vinculación co municipio, dado que impartiu clases na parroquia de Morgadáns entre 1930 e 1950, a súa etapa máis prolífica.

O autor que lle dá nome ao prestixioso premio de poesía organizado polo IEM, que cumpriu o ano pasado a súa undécima edición con centos de obras e de poetas participantes ao longo da súa traxectoria, é recoñecido por parte do Concello cun título que ata o de agora só ostentaba Lois Tobío -diplomático, escritor e investigador da figura do Conde de Gondomar-, ao que está dedicado tamén o auditorio municipal.

O acto estivo amenizado polos alumnos e alumnas do Conservatorio Municipal e o cantautor Paco Barreiro.

2019-02-09 - 51812007_2188407268088490_7835713063234830336_o

O Pleno do Concello de Gondomar aprobou o xoves 1 de decembro de 2016 por unanimidade distinguir a título póstumo a Victoriano Taibo García como fillo adoptivo do municipio, por concorrer na súa persoa méritos persoais e multitude de servizos prestados a prol dos veciños de Morgadáns.

Victoriano Taibo naceu en Santiago de Compostela o 25 de abril de 1885. Foi un persoeiro moi comprometido co movemento galeguista que o levou a involucrarse de forma activa e importante na creación e difusión das Irmandades da Fala. Colaborador habitual de máis de 40 revistas e xornais de altura, estivo integrado no portugués Instituto de Estudos Históricos do Miño. En 1948 ingresou na Real Academia Galega co discurso respondido por Otero Pedrayo, “Rosalia de Castro precursora da fala”, publicado pola institución en 1972.

Ademais de abundantes obras espalladas en diversas publicacións, Victoriano Taibo viviu editando tres títulos da súa autoría, os poemarios “Abrente (versos galegos)”, e “Da vella roseira, cantigas orixinais”, mais o libro narrativo “Da agra aberta, contos e lendas”, e postumamente rescatados recentemente “Avicedo” e “Cabrinfollas”.

O exercicio da súa profesión de mestre levouno a Ortigueira, Cambre, Xinzo de Limia, Morgadáns e finalmente a Vigo, onde finou o 13 de marzo de 1966.

Victoriano Taibo estivo vinculado durante 20 anos na etapa máis frutuosa da súa vida á parroquia de Morgadáns, que lle levou a ser admirado e querido entre os seus veciños pola súa labor cultural, pola súa ensinanza, pola súa popularidade, pola súa sinxeleza e amabilidade, pola súa involucración na parroquia que levou a que Morgadáns, a Entidade Local en colaboración co IEM, crease un certame de poesía co seu nome.

2019-02-09 - 51730767_2188407124755171_1153389973869690880_o.