A Deputación aproba case 300.000 € para a pavimentación de camiños en Nigrán e Gondomar

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar novos investimentos nos municipios de Nigrán e Gondomar no marco da liña 1 do Plan Concellos. Trátase de dous partidas por un total de 299.574,25 euros.

Para Nigrán, o Goberno provincial autorizou dous investimentos por un valor de 164.209,06 euros. Máis polo miúdo, trátase dunha achega de 103.682,09 euros destinada á pavimentación de diversos camiños na parroquia de Nigrán e outra achega de 60.526,97 euros para financiar tamén a pavimentación de camiños na parroquia de Chandebrito. En total, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra pon a disposición de Nigrán este ano un total de 1.025.470,24 euros, un 2,94% máis que no exercicio anterior.

Para Gondomar, a institución provincial aprobou un investimento de 135.365,19 euros para levar a cabo a reforma e pavimentación do camiño de Sequeiros, Fase II. A través do Plan Concellos, Gondomar ten este ano a súa disposición un total de 1.003.879,76 euros, un 3,51% máis que en 2018.

Anuncios