Novo comezo para a Liga de Inverno de J80

Mañá sábado dispútase a segunda xornada -a primeira puntuable- da Liga de Inverno da clase J80, que o Monte Real Club de Yates organiza na baía de Baiona para a frota galega de monotipos.

As tripulacións participantes tratarán de inaugurar o marcador tras unha primeira xornada errada a causa do vento, que non soprou coa suficiente intensidade e obrigou a suspender as probas programadas.

Neste caso, as previsións apuntan a todo o contrario. Prognostican ventos por encima dos 15 nós que poderían aproximarse aos 30 por momentos, o que engadiría emoción á xornada regateira dos monotipos.

O primeiro bocinazo de saída escoitarase ás tres da tarde, xusto despois de que a frota garde un minuto de silencio en recordo do regatista Gerardo Alonso, un habitual desta liga falecido hai uns días tras unha longa loita contra a enfermidade que padecía.

Os J80 disputaranse as primeiras puntuacións en tres percorridos barlovento sotavento de dobre volta nos que se medirán regatistas da talla de Miguel Lago, liderando ao Virazón; ou a vicecampioa lusa de 420, Marta Ramada, a bordo do Miúdo.

Veranse as caras con habituais da competición do Monte Real como o comodoro do club, Fernando Yáñez, no Cansino; o asturiano Juan Luis Tuero aos mandos do Luna Nueva; o secretario da clase J80 en Galicia e líder do Namasté, Luis de Mira; Bernardo Macedo no Mondo ou Javier Martínez Valente no Cunichán, entre outros.

O que non estará nesta ocasión será o Okofen de Javier de la Gándara, que se atopa en Lanzarote disputando a Copa de Campións de J80.

Anuncios