A Xunta colabora con 23.900 € na renovación do alumeado público de Nigrán

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitaron esta mañá as obras levadas a cabo no Concello de Nigrán ao abeiro das axudas da Vicepresidencia.

O ano pasado o concello recibiu unha subvención duns 23.900 euros a través da Orde de infraestruturas de uso público que se destinou á renovación do alumeado público na Avenida de Castelao. Grazas a estes traballos conséguense, entre outras vantaxes, rebaixar os custos de consumo e mantemento, mellorar os niveis de iluminación e eficiencia enerxética, e rebaixar a contaminación luminosa.

A Orde de infraestruturas de uso público conta para este ano cun orzamento de 3 millóns de euros, un 30 por cento máis que no exercicio anterior. A convocatoria publicouse o pasado 31 de decembro no Diario Oficial de Galicia, xunto coa liña de axudas do Fondo de Compensación Ambiental, dirixida tamén a entidades locais e dotada con 11 millóns de euros.