Gondomar ofrece un curso de preparación de Competencias Clave nivel 2

A Concellería de Xuventude e Emprego do Concello de Gondomar vai poñer en marcha unha iniciativa formativa para as persoas que non teñan formación básica necesaria para acceder a certificados de profesionalidade, que permitan inserirse no mercado laboral.

Este curso formará ás persoas nas catro competencias clave e as preparará para que se presenten ao exame que realizará a Consellería de Economía, Emprego e Industria. Unha vez superado ese exame, poderán acceder aos certificados de profesionalidade do nivel 2, para calquera das 26 familias profesionais existentes.

Este curso, que comezará o 19 de febreiro e finalizará o 22 de maio, terá unha clase presencial á semana na que se traballarán as competencias de matemáticas, inglés, lingua galega e lingua castelá.

Para inscribirse os interesados deben cubrir os anexos dispoñibles no CDL ou na OMIX e entregalos no Rexistro do Concello durante o período de inscrición, que rematará o día 14 de febreiro. Para máis información chamar aos teléfonos 986 369 746 ou 986 384 020.