Anuncios
Ticker de novas

Ponte… nas ondas! reivindica a figura de Xesús R. Jares no Día Mundial da Radio

O día 30 de xaneiro celébrase o Día Escolar da non-violencia e a paz. A UNESCO recoñeceu esta conmemoración en 1993 en honra de Mahatma Gandhi. Este ano, a propia UNESCO dedica o Día Mundial da Radio, que se vai celebrar o 13 de febreiro, ao “Diálogo, a tolerancia e a paz “.

A ONU na Declaración e no Programa de Acción sobre unha Cultura de Paz de 1999 destaca que “a paz non é só a ausencia de conflitos, senón que tamén require un proceso positivo, dinámico e participativo no cal se promova o diálogo e se solucionen os conflitos nun espírito de entendemento e cooperación mutuos”.

A importancia da escola para abordar o diálogo, a tolerancia e a paz é fundamental para contribuír á eliminación de calquera forma de discriminación e violencia, tanto no ámbito escolar como na sociedade.

Ponte…nas ondas! fai un chamamento aos centros educativos para que realicen programas de radio e vídeo sobre esta temática.

Xesús R. Jares, un referente da cultura de paz en Galicia

Ponte…nas ondas! vai darlle unha relevancia especial á figura de Xesús R. Jares na programación do Día Mundial da Radio, coincidindo co 10 aniversario do seu pasamento. Emitirase o acto de entrega da II edición do premio “Recoñecemento Suso Jares “ que FOANPAS de Vigo e o grupo de traballo Educadoras/es pola Paz – AGAPPAZ de Nova Escola Galega (NEG) concedeu á Escola infantil Santa Cristina de Lavadores en Vigo.

Ademais, emitirase un documental con testemuñas do labor de Xesús R. Jares xunto con imaxes inéditas do seu traballo en diferentes ámbitos.

Xesus R. Jares foi profesor da Universidade de A Coruña, formador de formadores, creador e coordinador de programas de convivencia, investigador, mediador e pai. E autor de libros como “Técnicas e xogos cooperativos”.

Diálogo Norte-Sur: emisión desde Narón e Salceda de Caselas o día 13 de febreiro

As emisións en directo a través do portal Escolas nas ondas (www.escolasnasondas.com) van desenvolverse desde o colexio Jorge Juan Xuvia de Narón e o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas. Durante 5 horas alternaranse os programas en directo desde ambos centros: outros centros realizarán programas en directo desde estudios de radio locais.

Anuncios