O Punto Limpo de Nigrán aumenta nun ano un 20% as toneladas de residuos recibidos

O Punto Limpo do Concello de Nigrán aumentou nun ano un 20% as toneladas de residuos recibidos, pasando dun total de 817 toneladas no 2017 a 1.022 no 2018, confirmándose así o continuo incremento de material recibido. O maior aumento produciuse en cristal plano (de 4,8 metros cúbicos a 46), madeira (de 19 a 29 toneladas) ou vexetais (de 576 a 750 toneladas).

Cómpre destacar tamén que a mediados do ano pasado o Concello de Nigrán, a través da concesionaria Cespa Ferrovial, estreou un punto limpo móbil que percorre todas as parroquias do municipio co obxectivo de facilitar á veciñanza a reciclaxe de pequenos residuos especialmente contaminantes sen necesidade de desprazarse ao punto limpo fixo, destacando no 2018 a entrada por vez primeira de aceites vexetais (0,3 toneladas) ou tóneres (0,09 toneladas) e aumentando tamén a cantidade de envases ou baterías recollidas.

«Se queremos un Nigrán máis sostible e respectuoso co medio o primordial é concienciar á xente sobre a importancia do uso do Punto Limpo e reforzar o seu funcionamento», incide Juan González, alcalde de Nigrán.

Anuncios