
O Concello de Baiona incluíu no Plan Concellos do ano 2019 o reacondicionamento total da pasarela de madeira que une a praia de Santa Marta con Baíña, pasando polo Burgo. Segundo o alcalde, Ángel Rodal, trátase dunha actuación moi necesaria, xa que transcorreron máis de 10 anos desde a súa construción, unha pasarela que se estaba volvendo perigosa pola posibilidade de escorregar e o mal estado da madeira.
A actuación, cuxo investimento alcanzará os 40.000 euros, podería estar terminada antes do verán. Unha vez aprobada pola Deputación de Pontevedra, licitarase inmediatamente o que serán as obras, que consistirán no lixado de toda a pasarela, a reposición das madeiras defectuosas e o pintado con material adecuado para a súa conservación e que evite a formación de verdín, que é o que fai máis perigoso o transitala, sobre todo en épocas invernais.
Fai catro anos transformouse por completo a pasarela da parroquia de Baredo, cun mantemento integral que a deixou como nova.