Anuncios
Ticker de novas

Arranca a segunda edición do concurso escolar Creando Rural

FOTO: EU RURAL // Alumnos do CEIP Mallón de Nigrán, uns dos gañadores da anterior edición.

Bota a andar a segunda edición de Creando Rural, o concurso escolar posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural co obxectivo de implicar a novos colectivos na difusión e animación da Medida Leader entre a poboación residente no ámbito territorial do Grupo de Desenvolvemento Rural 14 (GDR 14). Trátase dun concurso escolar participativo dirixido a alumnado de educación infantil e primaria dos centros educativos dos 13 municipios que conforman o territorio do GDR 14 (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui).

Presentación de proxectos ata o 5 de abril

Este luns 4 de febreiro ábrese o prazo de inscrición previa para participar no certame: ata o vindeiro 28 de febreiro todos aqueles grupos interesados en participar poderán inscribirse a través da web de Creando Rural (creandorural.org). Coñecedores do axustado programa lectivo dos centros escolares, nesta segunda edición ampliouse o tempo de traballo dispoñible para os e as participantes e o prazo de presentación de proxectos, que poderán enviarse ata o vindeiro 5 de abril de 2019 a través dun formulario habilitado na web.

Eu Rural pon en marcha unha nova edición deste concurso escolar coa intención de achegar coñecementos sobre o desenvolvemento rural a cativas e cativos. Para conseguilo creáronse sete unidades didácticas adaptadas aos dous niveis educativos (7 para educación infantil e 7 para educación primaria) que o profesorado deberá traballar na clase e a través das que o alumnado aprenderá que é o GDR 14, que se busca con el e como afecta á poboación e á economía da contorna. Unha vez revisadas estas unidades, cada aula ao completo poderá presentar un proxecto conxunto a concurso, co titor ou titora como responsables.

Como na edición anterior, na categoría de educación infantil pídese un mural creativo e de inspiración libre e na de educación primaria un vídeo dun máximo de dous minutos. O premio será unha excursión dun día de duración durante a segunda quincena de maio, a unha granxa-escola situada no territorio do GDR 14 para as dúas clases de educación infantil premiadas e a un centro de aventuras situado no territorio galego para os dous gañadores de primaria.

Do 8 ao 30 de abril abrirase un prazo de votación popular para que a cidadanía escolla os traballos (un por categoría) que máis lle guste. Pero, para salvar as diferenzas de poboación que existen no territorio e evitar que os nenos e nenas poidan verse prexudicados por esta votación popular, a organización tamén designará un xurado composto por expertos na materia que elixirán outros dous premiados (un por categoría).

Éxito de participación

A primeira edición de Creando Rural rematou con un grande éxito de participación: 28 aulas de 12 centros escolares de 7 municipios presentaron os seus proxectos a concurso. Un éxito ao que hai que sumarlle a boa resposta do público durante o período de votación popular, no que se recibiron máis de 4.700 votos.

Dende a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural quérese animar ao profesorado de todos os centros escolares do territorio do GDR 14 a traballar en clase co seu alumnado e a presentarse a este concurso que busca a posta en valor do territorio rural e dar a coñecer o papel dos GDR e da Medida Leader no seu desenvolvemento.

Anuncios