A Garda Civil de Pontevedra continúa co programa de charlas do “Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas”. Entre os centros que visitarán esta semana están tres colexios do Val Miñor. Alumnos do CEIP Arquitecto Palacios de Panxón participarán nunha charla informativa sobre a violencia de xénero, o luns 4 de febreiro ás 16:00 horas e o mércores día 6 ás 9:50 da mañá. No CEIP Carlos Casares, tamén en Nigrán, falarán sobre as novas tecnoloxías, o martes día 5 ás 17:15 horas, e sobre o acoso escolar, o xoves 7 ás 10:30 da mañá. Finalmente, o venres 8 ás 10:30, impartirase unha charla sobre as novas tecnoloxías no CPI Cova Terreña de Baiona.
Os obxectivos do Plan son responder de maneira coordinada e eficaz ás cuestións relacionadas coa seguridade de menores e mozas nos centros escolares e a súa contorna, mellorar o coñecemento dos recursos policiais dispoñibles para a prevención da delincuencia e protección ás vítimas e contribuír a formar aos alumnos no respecto dos dereitos e liberdades fundamentais, e nos valores de dignidade e igualdade entre homes e mulleres.

