Nigrán esixirá á Xunta a mellora da seguridade viaria na Estrada pola Vía

O pleno da Corporación de Nigrán aprobou por unanimidade a moción presentada polo portavoz do partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, pola que se insta á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta a que mellore de forma urxente a seguridade viaria no tramo urbano que discorre polo municipio de Nigrán da vía autonómica PO-325 de Vigo-Baiona (Estrada pola Vía), incluíndo a posible construción de rotondas que faciliten o acceso ás urbanizacións Sau-6 (Praia América) e Sau-3 (Area Alta), así como o pintado de pasos de peóns en diversos puntos do trazado urbano que actualmente carece, e tamén a reparación das beirarrúas no bulevar de Praia América, que presentan tramos con zonas de afundimento -como consecuencia dunha deficiente construción- provocando situacións de perigo, dificultades de accesibilidade e risco para os peóns.

UCN lembra que o viario autonómico que discorre pola costa PO-325 de Vigo a Baiona ao seu paso polo municipio de Nigrán, na súa maior parte convértese nunha vía urbana con moita intensidade de edificacións a ambos os dous lados da calzada -e con límite de velocidade a 60 Kms/hora-, pero con todo, presenta serias deficiencias entre outras: dificultades de acceso rodado ás urbanizacións que non contan con carril de xiro á esquerda en dirección Vigo, o que non só dificulta o seu acceso senón que tamén supón retencións de tráfico e perigo para a circulación, xa que son as principais vías de acceso desde a estrada autonómica; beirarrúas que en varios tramos do bulevar de Praia América presentan afundimento; así como grandes tramos que carecen de pasos de peóns, “o que está a xerar situacións de auténtico perigo para os cidadáns, e que a Xunta ata a data fai oídos xordos ás demandas expostas desde o Concello, polo que esperamos que dunha vez por todas tome en serio a solución aos problemas expostos de forma unánime pola Corporación e mellore a calidade de vida dos veciños”.

Fernández Comesaña lamenta que unha veciña invidente non poida desprazarse en transporte público pola falta do pintado dun paso de peóns para cruzar a rúa á altura da urbanización do SAU-6 (Praia América), “cando se trata dun tramo recto con total visibilidade e que non pode cruzar a calzada para alcanzar a parada do transporte público que se atopa enfronte da súa casa, sen poñer en risco a súa integridade física, ademais, atopándose o máis próximo a máis de cincocentos metros de distancia e tendo en conta que na maior parte do seu percorrido carece de beirarrúas, polo que se agrava aínda máis a seguridade dos peóns e que non estamos dispostos a permitilo”, conclúe o portavoz independente.

Anuncios