“Como diría Raphael, o de Nigrán é un escándalo!”

O candidato popular de Nigrán, Carlos Abal, pon de manifesto que o actual rexedor, o socialista Juan González, elabora uns orzamentos de fantasía. “Este ano 2019 a recadación será cifra récord para o Concello. Detrás deste bo dato escóndese unha crúa realidade, e é que o noso Alcalde, Juan González, dedica todos os seus esforzos en limpar os petos dos veciños de Nigrán”.

Para o PP, unha proba diso é o notorio aumento da recadación da contribución. “Outra proba analizámola na partida orzamentaria destinada a Abastecemento de Auga, o gasto orzado por habitante en Nigrán é de 81€, o que supera nun 425% a media dos Concellos de Baiona, Gondomar, Mos, Porriño e Rendondela, e un 225% a media nacional (25€)”, asegura Abal.

O candidato á alcaldía considera un “escándalo” que unha das partidas máis importantes do orzamento é o Canon de Auga que se lle paga a Vigo, 450.000€, “unha cifra excesiva para o custo de bombeo”. Ademais de todo isto, como xa denunciou UCN, Abal lembra que “aínda por riba, gardan no caixón facturas impagadas de máis de 350.000€”, nas que a maioría dos gastos proveñen da vía “legalmente improcedente de contratación verbal”, algo que ten advertido en numerosas ocasións o Interventor.

“Ante todos estes feitos, o Partido Popular de Nigrán non pode facer outra cousa que non sexa lamentarse polos seus veciños, que ineludiblemente soportan un custo bastante máis elevado que a media, o que require polo menos unha explicación por parte do equipo de goberno socialista. Con toda esta recadación, o remanente de tesourería en 2018 estímase que alcance case sete millóns de euros, o que significa que se recada bastante máis do que achega en servizos e investimentos, en parte porque o equipo de goberno do PSOE non é capaz de executar as obras, servizos e investimentos que se orzan. Pagamos máis e recibimos menos”, critica Abal.

Non é a primeira vez que o candidato popular pon fronte á palestra a xestión do Concello de Nigrán. En novembro de 2018 xa mostrou a súa desconformidade coa variación orzamentaria que introduciron os socialistas. Aquela desviación de preto do 3% incluía algúns gastos de “dubidosa reputación”. “Claramente o que necesita Nigrán xa é unha xestión efectiva do Concello, que equilibre os servizos e investimentos coa recadación e poña ao Concello ao servizo dos seus cidadáns, e de todos eles sen excepción, non só dalgúns elixidos”.

“En resumo, se isto é o que propoñía Juan González na súa anterior campaña electoral, “Outro Nigrán é posible”, apaga e vamos”, conclúe Carlos Abal.