Nigrán organiza un curso gratuíto de “Soldadura TIG” dirixido a desempregados do municipio

O Concello de Nigrán organiza un curso gratuíto de “Soldadura TIG” dirixido de forma prioritaria a persoas desempregadas e empadroadas no municipio que posúan, como mínimo, o Graduado Escolar e/ou equivalente. Terá unha duración de 260 horas (140 teórico-prácticas en horario de mañá e 120 de prácticas en empresas) e ten previsto o seu inicio o 25 de febreiro, arrancando o prazo de inscrición este luns. Neste curso, o alumnado adquirirá os coñecementos teórico/prácticos do proceso de soldadura TIG.

Dende os servizos técnicos do Concello se deseña esta acción formativa a tenor da alta porcentaxe de inserción que se acadou cos anteriores cursos de soldadura, o que confirma a demanda actual da industria neste eido e polo que se pretende adaptar a man de obra dos veciños desempregados ás posibles ofertas laborais. O Concello inviste 14.000 euros nesta acción formativa que non terá ningún custe para o alumnado, polo que supón unha inmellorable ocasión de ampliar o currículo e, con elo, a empregabilidade.

As persoas interesadas en participar deberán presentar a súa solicitude no Rexistro Municipal do 4 ao 12 de febreiro, cubrindo unha instancia e unha enquisa de selección que estará á súa disposición no Servizo de Información, no Centro Antena Municipal, no Departamento de Desenvolvemento Local de Nigrán e, sempre que sexa tecnicamente posible, no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica do Concello, achegando a totalidade da documentación que se indica en dita solicitude. Aquelas persoas que posúan a acreditación dixital correspondente, tamén poderán inscribirse mediante a propia plataforma da Sede Electrónica municipal.

Para ampliar esta información, pódese contactar co Departamento de Desenvolvemento Local, no 986-365000 (extensión 7) e co Centro Antena no teléfono 986–366572 ou formular consultas a través dos correos electrónicos tle.nigran@nigran.org, orlaboral@nigran.org e centroantena@nigran.org facendo constar sempre un teléfono de contacto para facilitar a comunicación.

Anuncios