O CPA Gondomar tratará este sábado de revalidar o título de campión galego

As patinadoras do CPA Gondomar tentarán revalidar un ano máis o seu título de campioas galegas co seu programa “Saint Mary” nunha das competicións máis sobranceiras e agardadas da modalidade de Patinaxe Artística, que se celebrará este sábado 2 de febreiro no pavillón central das Travesas de Vigo. Trátase da 18ª edición do Campionato Galego de Grupos Show Grandes e Pequenos, que volve de novo á cidade olívica, onde se disputou nos últimos anos coa excepción do pasado, no que se levou a cabo en Santiago de Compostela.

O Club CARPA Viqueira organiza a competición que reunirá a medio milleiro de patinadores e patinadoras repartidos en nove grupos pequenos e oito grandes, que buscarán acadar o título galego na tarde do sábado a partir das 17:30, hora á que comezarán a competir os grupos grandes. Logo dun pequeno descanso actuarán os grupos pequenos desde as 19:00 para concluír sobre as 20:30, cando se procederá á entrega de trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría. Ademais, o programa compleméntase cos adestramentos durante a mañá de 10:00 a 14:15 horas.

As gondomareñas, baixo da dirección de David Figueroa, volverán dalo todo para demostrar a súa forza, disciplina e gran dificultade, para brillar e rodar cara ao podio como fixeron o pasado ano, como androides de última xeración no seu “Expediente Alice”.