Anuncios
Ticker de novas

Alerta vermella por temporal costeiro con ondas de ata 9 metros e ventos de forza 8

FOTO: VIGOE.ES // Temporal na zona do Rompeolas en Baiona.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel vermello que afectará ao litorais das provincias da Coruña e Pontevedra a partir de mañá, 1 de febreiro. Ademais, desde as 04:00 horas, quedará tamén activado o nivel de alerta laranxa por vento nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espérase a partir de mañá, venres, mar combinada do oeste con ondas entre 8 a 9 metros e vento do oeste de forza 8, que afectará ao oeste e suroeste da provincia da Coruña e ao litoral da provincia de Pontevedra. No resto do litoral haberá nivel laranxa.

A Xunta alerta tamén dun fenómeno meteorolóxico adverso por vento, de nivel laranxa, que se iniciará ás 04,00 horas do 1 de febreiro, e que afectará á Coruña, Lugo e Pontevedra. Haberá vento do sur e suroeste con rachas que poderán superar os 100 quilómetros por hora. Nas provincias de Lugo e Ourense haberá alerta laranxa por neve, que pode acadar acumulación de neve en 22 horas de 20 cm. Está previsto que de comezo esta noite.

Suspensión actividades pesqueiras e marisqueiras

Por mor do temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Unha recomendación que é extensible á pesca deportiva e a outras actividades deportivas no mar. Tamén se insta a extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera outro tipo de actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas. . Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Anuncios