Sin categoría

Alumnos do CEIP Souto-Donas reflexionan sobre o acoso escolar

O CEIP Souto-Donas aproveitou o Día da Paz para reflexionar sobre o acoso escolar, cunha charla informativa na que participaron 47 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria. Impartida por dous efectivos do Cuartel da Garda Civil de Gondomar, centrouse sobre todo na importancia de contalo, de ser quen de dicir non e da responsabilidade de todos, e en especial dos compañeiros da vítima, para terminar con situacións deste tipo.

Con esta iniciativa preténdese reforzar a sensibilidade dos mozos para erradicar o acoso escolar, no marco do “Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas”. Carlos Llamazares, un dos axentes que participaron na charla, destacou que o obxectivo principal é “previr o acoso”, estando ademais adaptada á idade dos alumnos.

Outro dos puntos importantes é ensinar aos nenos e nenas a diferenciar o que é acoso e o que non é acoso. “Unha disputa entre dous alumnos non é acoso. Meterse cun alumno durante un tempo reiterado, un ou varios alumnos, aí xa si estamos a falar de acoso”. A iniciativa tamén serve para achegar á Garda Civil á poboación, e que os nenos e nenas teñan un contacto máis directo con eles.