Nigrán aproba o asfaltado da rúa Rial en Panxón e o saneamento de Areíña, en Parada

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Rúa Rial.

O goberno de Nigrán deu luz verde onte en Xunta de Goberno á mellora da rúa Rial (conecta as parroquias de Priegue e Panxón) e a instalación de saneamento en Areíña (Parada). Ambos proxectos, de 46.823€ e 46.272 € respectivamente con cargo ao Plan Concellos 2018 da Deputación e xa en fase de licitación, comezarán a executarse en 20 días dando así resposta a vellas demandas dos veciños. O prazo de execución é de un e tres meses.

O goberno de Nigrán, seguindo a súa premisa de mellorar a seguridade viaria nos camiños que vertebran a parroquia de Panxón, ve preciso repoñer o firme desta rúa, completamente deteriorado. Os traballos inclúen eliminar a canaleta de formigón situada actualmente na marxe impar nun último tramo de 80 metros, onde se acondicionará o ensanche construíndo unha nova canaleta pegada ao muro de granito (os tres farois de alumeado tamén se desprazarán), ademais, renovarase toda a sinalización horizontal e vertical.

«Trátase dunha estrada moi transitada porque é unha contorna moi poboada e presenta un firme completamente deteriorado, ademais o trazado resulta moi irregular debido ás diferentes cesións que os particulares foron realizando, polo que era urxente reparar», sinala o alcalde, Juan González, quen recorda que o Concello de Nigrán investiu en setembro 108.900 € en renovar o firme de 14 rúas de todo o municipio (maioritariamente Panxón) e acaba de aprobar un plan para asfaltar outras 13 rúas de Camos por 142.731 €. «Imos chegar a todos os camiños do rural esquecidos ao longo de décadas», incide o rexedor.

Por outra banda, o proxecto de instalación de saneamento en Areíña (Parada) consiste en executar un colector en PVC de 315 mm que permita conectar á rede existente as decenas de vivendas que non dispoñen do servizo, en tódolos casos se trata dunha rede separativa cunha lonxitude total de 410 metros e que discorre por terreos de titularidade pública e privada grazas ás cesións realizadas. «Temos o compromiso de que o saneamento chegue a todo o municipio porque sabemos que non é só un dereito dos veciños, se non tamén unha medida de protección cara o medio ambiente», indica.