Os concellos do Val Miñor recibirán máis de 645.000 € para crear 58 empregos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a segunda relación de achegas por máis de 7,3 millóns de euros, (7.314.460,58 €), da liña 3 de emprego do Plan Concellos 2019, o que suporá financiación a 49 concellos da provincia para que poidan contratar a un total de 742 traballadoras e traballadores.

A presidenta Carmela Silva sinalou que “sumada esta relación á aprobada na anterior Xunta de Goberno e, a falta da aprobación do concello de Ponteareas, hoxe pechamos a liña de emprego do Plan provincial, que está dotada con máis de 9 millóns de euros”. Amais engadiu que “esta liña de emprego do Plan Concellos 2019 vai permitir crear un total de 954 empregos en 57 concellos da provincia, xa que Valga e Catoira non solicitaron investimentos en liña 3 para pasar os cartos á liña 1 e 2”. A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén subliñou que “nestes case catro anos de Goberno, co Plan Concellos, temos creado 5.792 postos de traballo para desempeñar diferentes funcións nos concellos da provincia”.

Máis polo miúdo, sobre o Plan Concellos 2019, Carmela Silva pormenorizou que entre os empregos creados este ano nos 56 concellos xa aprobados hai 236 empregos vencellados á construción, obras públicas e albanelería; 42 de peóns, operarios e servicios varios; 150 de limpeza e recollida de lixo; 180 de horticultura, parques e xardíns e medio ambiente; 77 de diferentes oficios como carpintaría, fontanería ou electricidade; 59 de persoal de oficinas; 45 vencellados á condución; 18 de animación e educación infantil; 36 de ordenanza e vixianza; 12 de axudas no fogar e traballo social; 23 de turismo; 26 de mantemento de edificios e infraestruturas municipais, e 6 de protección civil.

Investimentos por comarcas

Coas dúas primeiras relacións da liña 3 do Plan Concellos 2019, xa só a falta de completar os investimentos con Ponteareas, a comarca do Baixo Miño recibiu 860.764,96 euros para a creación de 77 postos de traballo; Condado-Paradanta, 866.131,83 € para 107 postos de traballo; Val Miñor, 645.271,34 € para contratar 58 traballadores e traballadoras; O Deza, 957.843,15 € para 93 empregos; Tabeirós-Terra de Montes, 649.207,46 € para 52 postos de traballo; a comarca de Vigo, 1.024.110,93 euros para 116 empregos; O Morrazo, 659.365,39 euros para contratar a 89 persoas; O Salnés, 1.716.639,73 € para a creación de 181 postos de traballo, e para a comarca de Pontevedra, 1.326.915,65 € para 138 empregos.