A Audiencia de Pontevedra rebaixa a unha multa a condena ao médico de Desirée Vila

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra acolleu parcialmente o recurso interposto polo traumatólogo que en 2015 atendeu a Desirée Vila, a ximnasta gondomareña de 16 anos que perdeu unha perna o ser necesario practicarlle unha amputación. O Xulgado do Penal número 3 de Vigo considerouno responsable dun delito de lesións por imprudencia grave con perda de membro principal e grave deformidade e impúxolle dous anos de cárcere e catro de inhabilitación para o exercicio da profesión médica.

A Audiencia revogou esa sentenza de primeira instancia ao considerar que o sospeitoso é autor dun delito de lesións por imprudencia menos grave, polo que lle impuxo o pago dunha multa de 9.000 euros. O tribunal tivo en conta, por ser máis favorable para o acusado, a reforma do artigo 152 do Código penal, que entrou en vigor pouco despois de suceder os feitos e que introduciu unha diferenciación entre delitos de lesións por imprudencias graves e menos graves. A clasificación anterior ao cambio só diferenciaba entre as lesións causadas por imprudencias graves e leves. “Concluímos que se produciría ese efecto máis favorable para o reo ao entender que a conduta imputada, se hai que diferenciar entre imprudencias graves e menos graves, merece a consideración de menos grave”, sinala a Audiencia.

Os maxistrados destacan que o acusado debeu ter realizado probas diagnósticas “antes do momento no que se fixeron”, polo que coincide coa sentenza de instancia en que dos feitos xorde “unha imprudencia penalmente relevante”. Con todo, argumentan que “desde o momento en que cabe diferenciar entre a grave e a menos grave, dado o contido da reforma, debería analizarse en cal dos dous novos tipos encaixaba a conduta do sospeitoso” e conclúen que debe situarse na menos grave. Por iso, procederon á imposición da única pena prevista legalmente para ese suposto que é a de multa, pois a nova regulación non inclúe condenas de inhabilitación profesional.

Así, sinalan que para un médico non experto en problemas vasculares podía existir “certa dificultade na ponderación da urxencia das actuacións”. Doutra banda, argumentan que hai constancia de que o facultativo “non abandonou a paciente nin a súa evolución” e de que “adoptou algunhas medidas de control, a pesar de que, lamentablemente, despois non actuou en consecuencia”. A Audiencia tamén sostén que tanto o atraso na práctica da primeira proba de imaxe como o traslado a outro hospital “non respondeu en exclusiva a decisións do seu ámbito”.

“Isto non nega a relevancia penal do feito de non actuar doutra forma que acelerase esas actuacións, pero si son elementos a atender na ponderación”, asegura o tribunal.

A Audiencia estimou parcialmente os recursos do traumatólogo, da clínica e da aseguradora implicada en canto ás responsabilidades civís. Así, anulou a condena ao pago de 2.154.684 euros para próteses e ordenou a cuantificación destas en execución de sentenza de acordo con tres factores: perda de calidade de vida, idade da vítima e anos de recambio de cada prótese.

A sección quinta tamén revogou a contía establecida como indemnización por prexuízo estético, que era de 111.149, e fixouna en 51.061 euros. Con respecto á indemnización polas secuelas, estableceuna en 147.356 euros, fronte aos 176.954 da sentenza de primeira instancia. O Xulgado do Penal número 3 situou en 100.000 euros a contía por perda de calidade de vida, mentres que a Audiencia fixouna en 50.000 euros. O alto tribunal provincial anulou o pago de calquera contía por dano moral complementario e por gastos sanitarios futuros.

Anuncios