A Audiencia Nacional obriga a indemnizar ao portavoz de UCN por danos morais

A sala do contencioso-administrativo sección terceira da Audiencia Nacional fallou o pasado 29 de novembro o recurso número 855/2016 a favor do portavoz de UCN, Antonio Fernández Comesaña, a demanda exposta contra o Ministerio de Xustiza en reclamación de responsabilidade patrimonial polo funcionamento anormal da Administración de Xustiza, pola que se recoñece na sentenza un “dano moral como consecuencia de estar suxeito a unha longa investigación en relación a uns feitos considerados especialmente alarmantes e infamantes, inherente ás dilacións indebidas no procedemento penal, con consecuencias de desprestixio social así como unha carga patente de angustia e frustración” vinculadas á “pena de banco”, polo que o tribunal acorda indemnizarlle na contía de 6.300€, “a pesar de que o importe económico non resarcirá os irreparables danos políticos, persoais, profesionais e nin tan sequera os morais padecidos ante tanta inxustiza sufrida, habendo sendo defendido polo letrado Manuel Quintans Queiruga”, sinala o portavoz independente.

Os feitos remóntanse ás dilixencias previas 2967/2010 seguidas no Xulgado de Instrución número 3 de Vigo, en relación á denuncia presentada ante a Fiscalía polo entón concelleiro do PSOE Juan Hermida Lago, relacionada con facturas de honorarios pola redacción do proxecto para a execución das obras de “Humanización rúa Manuel Prado” (SAN PEDRO), no marco dun convenio coa Deputación, feitos polos que o Xulgado do Penal 1 ditou sentenza absolutoria a favor de Fernández Comesaña o 27 de marzo de 2015 e posteriormente ratificada pola Audiencia Provincial, en sentenza do 14 de xullo de 2015; “viario provincial que doce anos despois aínda segue igual, sen beirarrúas e con serio perigo para a seguridade dos peóns que se xogan a vida a diario por un viario terceiromundista que incumpre a lei de accesibilidade, sendo o alcalde actualmente deputado provincial, pero parece non importarlle para nada a seguridade dos veciños”.

“Con todo, acusáronme de falsificador, de emitir facturas falsas de obras non realizadas e imputado por supostos delitos de fraude e tráfico de influencias, cando todo era mentira, incluso chegando a negar a existencia dos proxectos técnicos que se obraban en poder do Concello, non só un, senón catro exemplares desde o 12 de decembro de 2006, polo que a Fiscalía chegou a solicitar a miña inhabilitación para cargo ou emprego público por un período de nove anos, así como prestar declaración ante o Seprona, en calidade de detido; sendo vítima dunha persecución e linchamento político-mediático sen precedentes, ao xudicializar o PSOE a política municipal con fins electoralistas perversos para presentarme ante os cidadáns como un delincuente, a pesar de ser un simple concelleiro honrado e honesto, cuxo único delito foi o formar parte dun goberno durante escasos tres anos, pero -aínda que tarde- afortunadamente ao fin fíxose xustiza”, lamenta Fernández Comesaña.

“Pois todos aqueles que quixeron desprestixiarme e afundirme politicamente -pero que non o conseguiron- que tomen boa nota, fun absolto, non só unha, senón dúas veces, tanto no Xulgado do Penal como na Audiencia Provincial, a pesar do recurso da Fiscalía, e que despois de dúas absolucións conseguise que me indemnicen polos danos morais sufridos, é unha perfecta demostración da barbaridade que tiven que sufrir durante cinco longos anos, pero confiado en que finalmente a xustiza poñería a cada un no seu sitio, o que obriga a reflexionar de que en política non vale todo, e así é como se desprestixia, aínda que non gardo rancor, aínda sigo esperando desculpas publicamente”, conclúe o portavoz independente.