O PP de Gondomar culpa a Paco Ferreira da perda dunha subvención de 120.000 €

O Concello de Gondomar volve perder outra subvención por non executala e xustificala en prazo. Esta vez trátase dunha axuda de 120.000 euros para o arranxo da estrada central do polígono de A Pasaxe en Vincios. O Partido Popular de Gondomar culpa ao alcalde Paco Ferreira de perder esta axuda que sería moi importante para o desenvolvemento do polígono de A Pasaxe, o motor industrial do concello. Paula Bouzós cifra en máis de medio millón de euros as subvencións perdidas por este goberno municipal, aparte das subvencións que non se piden.

O 17 de xaneiro do ano 2018 a Xunta de Galicia publicou unha convocatoria de subvencións destinadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia. O Concello de Gondomar presentou a solicitude para a reparación do viario e canalización de pluviais do eixo central do polígono de A Pasaxe.

En resolución de 21 de xuño de 2018 a Consellería de Industria concede ao Concello de Gondomar á contía máxima subvencionable, 120.000 euros, dando de prazo ata o 31 de outubro para presentar a documentación xustificativa da subvención, prazo que foi ampliado ao 15 de novembro de 2018. Chegado este prazo o Concello non executou nin un euro da axuda.

A presidenta do PP de Gondomar, Paula Bouzós, quere recordarlle ao alcalde que o polígono de A Pasaxe é o motor industrial e económico do concello, e tanto a perda desta subvención como a paralización á que está sometida a primeira fase de urbanización por falta de decisión política, non benefician para nada aos veciños de Gondomar. Aproveita a presidenta do PP gondomareño para esixirlle ao alcalde que poña en marcha dunha vez a urbanización da primeira fase do polígono para canto antes poder facer a ampliación comprometida por Zona Franca.

«Estamos agora nunha fase na que este goberno lle dedica máis tempo a atacar aos que ata fai pouco eran os seus socios de goberno e desmentir información que estes publicaban, desatendendo as necesidades dos veciños e neste caso dos empresarios», argumenta Paula Bouzós.

Anuncios