Outro corredor con pasado no Vigo-Rías Baixas volve integrarse nas filas da entidade presidida por José Luis Chamorro. Despois de confirmarse a pasada semana o regreso de Samuel Blanco, as portas do conxunto olívico ábrense de novo para Lois Rodríguez. O ciclista vigués vestiu a camisola flúor nas tempadas 2016 e 2017.
No 2018 Rodríguez competiu no campo amateur co Guerciotti – Kiwi Atlántico, formación que decidiu abandonar á conclusión do curso. Aos seus 23 anos, este corredor de equipo e con boa punta de velocidade, inicia a súa segunda etapa no Vigo-Rías Baixas. A súa fichaxe ratifica a aposta deste ambicioso proxecto polos corredores da terra.
Sétimo clasificado no GP San Antonio 2016, Rodríguez descubriu a Copa de España con esta estrutura. Agora converteuse na décima incorporación para unha campaña que arrancará a mediados de febreiro. Os ciclistas ultiman os seus adestramentos individuais antes de reunirse a próxima semana para celebrar o stage de pretempada.
Concentración e presentación
Co seu novo mánager deportivo á fronte, Gorka Beloki, o persoal e o staff técnico concentrarase a partir do luns en Pontevedra. Ademais de para acumular quilómetros e traballo de calidade, esta convivencia ten como finalidade a formación dos corredores con charlas impartidas por profesionais relacionados con este deporte. Os corredores tamén se someterán a probas físicas e de esforzo.
O broche final a estas xornadas será a presentación do próximo sábado 2 de febreiro no Parador de Baiona. A partir das 20:00 horas, o renovado Vigo-Rías Baixas alzará o pano cun acto no que haberá sorteos, actuacións musicais e para terminar servirase un viño español.

