Outro veleiro termina varado na Praia de Santa Marta

Do mesmo xeito que sucedeu o pasado 13 de decembro, un veleiro acabou varado este mércores na Praia de Santa Marta despois de permanecer á deriva pola baía baionesa. Segundo parece, o amarre no que se atopaba fondeado rompeu, e o vento arrastrouno ata o areal. Todo o litoral galego atópase en alerta laranxa por un temporal costeiro que comezou na tarde de onte.

Aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Tamén os peiraos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos. Nestas contornas, débense evitar os percorridos polas instalacións portuarias en especial en zonas de especial perigo como diques de abrigo, espaldóns, escolleras, escaleiras de acceso aos diques e peiraos, entre outros. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos así como aparcar nos portos, na medida do posible.

É recomendable, ademais, non pasear preto dos bordos litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, sobre todo nas batidas polo vento. Tamén se recomenda non camiñar polas proximidades dos edificios portuarios, guindastres fixos ou automotores, así como, noutras edificacións que pola súas características construtivas poidan sufrir desprendementos nas súas estruturas exteriores tales como cubertas metálicas.

O xoves Galicia queda nunha zona de transición entre o anticiclón situado ao oeste e a borrasca centrada no Mediterráneo. Esta configuración volve deixar un réxime de ventos de compoñente norte, con ceos anubrados e chuvias máis probables na metade norte. As temperaturas quedarán sen cambios ou en lixeiros ascensos. Os ventos soprarán do norte, frouxos en xeral.

O venres entraremos na influencia dun anticiclón centrado ao oeste da península Ibérica polo que recuperaremos a estabilidade, con ventos de compoñente norte que aportarán moita humidade. Os ceos presentarán nubes e claros, sendo máis anubrados canto máis ao norte, e con posibilidade de orballos no extremo norte durante a mañá. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán do noroeste, frouxos en xeral.

O sábado será un día de transición á espera da chegada dunha fronte polo terzo norte cara ao final do día. Polo tanto, os ceos estarán parcialmente anubrados con néboas mestas en comarcas do interior e ceos máis despexados no sur. Pola noite a chegada dunha fronte deixará os ceos cubertos e chuvias na metade norte. As temperaturas non terán cambios significativos, con lixeiros descensos das mínimas. O vento soprará frouxo do noroeste.