Moitas leiras de Gondomar deixan de ser edificables tras a entrada en vigor do Plan Básico Autonómico

Coa entrada en vigor o pasado 27 de agosto de 2018 do Plan Básico Autonómico, unha das consecuencias máis evidentes para os intereses directos da veciñanza do Concello de Gondomar, por carecer de planeamento, é a desaparición das denominadas Áreas de Tolerancia, recollidas nas Normas Subsidiarias Provinciais, ata ese momento de obrigada aplicación no municipio. Nas devanditas Áreas de Tolerancia (unha faixa de 40 m de fondo dende o límite do núcleo e arredor do mesmo), aquelas leiras con determinadas condicións como unha superficie igual ou superior a 1000m2, con acceso rodado a través de camiño público, eran aptas para ser edificables, e polo tanto, eran susceptibles do pago de IBI, deixándoo de selo dende entón.

Pola contra, naqueles núcleos rurais que se foron delimitando e aprobando definitivamente (Campo Grande e Prado, polo de agora) e onde ata ese momento a clasificación do solo segundo as mesmas Normas Subsidiarias e Complementarias Provinciais era rústico, e polo tanto exento do pago do IBI, agora pasaría xustamente o contrario que no caso anterior.

Manifesto Miñor presentará este mércores no Pleno da Corporación Municipal unha moción na que solicita iniciar os trámites pertinentes para proceder á corrección perante a Subdelegación do Catastro de Vigo co obxecto de eliminar do padrón catastral aquelas parcelas que deixaron de ser urbanas por mor da entrada en vigor da Norma Básica Autonómica, e asemade, incluír aqueloutras que coa aprobación das novas delimitacións dos núcleos pasaron a ser urbanas, reclamando do Alcade e da Concelleira de Urbanismo que á maior brevidade dean as instrucións pertinentes aos técnicos municipais para comezar coa devandita tramitación.

“Por unha cuestión de ética política e de respecto aos dereitos das persoas contribuíntes, e mesmo por una cuestión de eficacia administrativa, o que se cobre incorrectamente agora haberíao que llo devolver máis adiante como xa aconteceu no pasado, co conseguinte desaxuste nas contas municipais, e por iso procede tomar as medidas oportunas canto antes dirixíndose ao Catastro para que proceda a corrixir as valoracións resultantes das novas clasificacións urbanísticas”, sinala Antonio Araújo.

“Con esta moción o que se pretende é evitar o que pasou coa anulación do PXOM de 1997, que centos de fincas que pasaron á rústicas seguiron pagando o IBI sen ter porqué, e unha vez que o Catastro adaptou as propiedades á nova realidade urbanística o Concello tivo que devolver o indebidamente cobrado (só catro retroactivamente), co conseguinte quebranto para as arcas municipais e a inxustiza cos propietarios que pagaron 10 anos de IBI e só lle devolveron catro”, conclúe o concelleiro de Manifesto Miñor.

Anuncios