Gondomar abre as inscricións para participar no concurso de comparsas

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Desfile de Comparsas en Gondomar.

A Concellería de Cultura de Gondomar dirixida por Nuria Lameiro abre este venres 25 de xaneiro o prazo de inscrición para participar no tradicional Gran Desfile de Comparsas, acto principal do Entroido, cuxos premios son unha axuda de 900 € para a gañadora, 700 € para a segunda clasificada, 500 € para a terceira, 6 axudas de 350 € e outras 6 axudas de 250 € para as seguintes clasificadas, ademais doutros 300 € á mellor carroza.

O desfile celebrarase o domingo 3 de marzo a partir das 16:30 horas. Un xurado composto por 7 persoas e presidido polo alcalde, Paco Ferreira, será o encargado de elixir os gañadores, tendo en conta detalles como o vestiario, a maquillaxe, a escenografía, o deseño da carroza e a música, que sexa en directo ou con acompañamento de instrumentos musicais ou rítmicos. Non está permitido empregar cabalos nin outras monturas ou participacións animais.

O mínimo de participantes de cada comparsa é de 20 persoas maiores de 18 anos. As comparsas interesadas terán que inscribirse no Rexistro do Concello a través da Sede Electrónica, o prazo termina ás 23:59 do domingo 17 de febreiro. A documentación que deben achegar cada un dos grupos varía no caso de que se presenten como comparsas de agrupacións xa rexistradas ou como agrupacións informais.

No caso das primeiras, as agrupacións deberán acreditar que se atopan rexistradas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, ademais da documentación: copia do DNI do representante legal, CIF da entidade, declaración xurada de non perseguir fins lucrativos coa devandita actividade, certificar que se atopan ao corrente das súas obrigacións fiscais e un orixinal de certificado de conta bancaria.

As comparsas de agrupacións informais unicamente deberán presentar o certificado da conta bancaria orixinal, fotocopia do DNI do representante e o Anexo 1 asinado e cuberto.

Será obrigación de todas as comparsas a participación no enterro da sardiña o mércores 6 de marzo cun mínimo de 10 persoas que verificarán no mesmo momento a súa presenza.

Os grupos participantes serán convocados a unha reunión no Concello o luns 25 de febreiro ás 19:00 horas, onde se lles informará dos pormenores do desfile e as normas específicas do concurso.

Anuncios