UCN presenta unha moción instando á Xunta a mellorar a seguridade viaria na PO-325

O portavoz do partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, presentou moción ao Pleno da Corporación pola que se insta á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta para que mellore de forma urxente a seguridade viaria no tramo urbano que discorre polo municipio de Nigrán da vía autonómica PO-325 de Vigo-Baiona (Estrada pola Vía), incluíndo a posible construción de rotondas que faciliten o acceso ás urbanizacións Sau-6 (Praia América) e Sau-3 (Area Alta), así como o pintado de pasos de peóns en diversos puntos do trazado urbano que actualmente carece, e tamén a reparación das beirarrúas no bulevar de Praia América, que presentan tramos con zonas de afundimento -como consecuencia dunha deficiente construción- provocando situacións de perigo, dificultades de accesibilidade e risco para os peóns.

UCN lembra que o viario autonómico que discorre pola costa PO-325 de Vigo a Baiona ao seu paso polo municipio de Nigrán, na súa maior parte convértese nunha vía urbana con moita intensidade de edificacións a ambos os dous lados da calzada, pero con todo presenta serias deficiencias entre outras: dificultades de acceso rodado ás urbanizacións que non contan con carril de xiro á esquerda en dirección Vigo, o que non só dificulta o seu acceso senón que tamén supón retencións de tráfico e perigo para a circulación, xa que son as principais vías de acceso desde a estrada autonómica; beirarrúas que en varios tramos do bulevar de Praia América presentan afundimento; así como grandes tramos que carecen de pasos de peóns, “o que está a xerar situacións de auténtico perigo para os cidadáns, sen que a Xunta ata a data puxese remedio algún, polo que esperamos que a proposta conte co respaldo unánime de toda a Corporación, para que dunha vez por todas a Xunta tome en serio a solución ás demandas expostas e mellore a calidade de vida dos veciños”.

UCN faise eco da recente denuncia pública recollida no diario “Faro de Vigo”, dunha veciña invidente que non pode desprazarse en transporte público pola falta do pintado dun paso de peóns para cruzar a rúa á altura da urbanización do SAU-6 (Praia América), “cando se trata dun tramo recto con total visibilidade e que non pode cruzar a calzada para alcanzar a parada do transporte público que se atopa enfronte da súa casa, sen poñer en risco a súa integridade física, ademais, estando o máis próximo a máis de cincocentos metros de distancia e tendo en conta que na maior parte do seu percorrido carece de beirarrúas, polo que se agrava aínda máis a seguridade dos peóns”, conclúe o portavoz independente.

Anuncios