Anuncios
Ticker de novas

O goberno de Nigrán propoñerá no vindeiro pleno un convenio con Bai Senpulgas de 5.000 €

O goberno de Nigrán propoñerá no vindeiro pleno ordinario do 31 de xaneiro a aprobación dun convenio coa Asociación Protectora de Animais Bai Senpulgas de 5.000 euros que permita recoller aos cans e gatos abandonados na fin de semana. Actualmente o Concello de Nigrán presta servizo para cans en colaboración coa Deputación de Pontevedra (CAAN) durante a semana e, na fin de semana, unicamente nos casos considerados urxentes. Con esta proposta o goberno de Nigrán expón manter o convenio coa Deputación e o amplía con Bai Senpulgas, entidade que desexa apoiar a tenor da importante labor que vén desenvolvendo na comarca pese aos escasos medios cos que conta.

“Somos conscientes da necesidade de actuacións na fin de semana e de que o animal quede en custodia durante estes días, por iso cremos que asinar un convenio con esta protectora do Val Miñor é a mellor opción para protexer aos animais e, ao mesmo tempo, apoiar o traballo desta entidade que tanto fai altruistamente polos animais na comarca”, sinala o alcalde, Juan González. Ademais, o convenio ocuparase tamén dos gatos os 365 días do ano (CAAN non os contempla) e, en caso de que sexa preciso, tamén garantirá asistencia sanitaria urxente a cans e gatos todos os días do ano.

Deste xeito, o goberno local propón un convenio no que a protectora se encargue na fin de semana da recollida dos animais abandonados (cans ou gatos) reténdoos nas súas instalacións, curándoos e alimentándoos, mentres non aparecen os donos ou ben ata a súa adopción por familias responsables, practicando o principio de sacrificio 0.

Anuncios