Villas Marineras estará presente en FITUR, unha cita que non quixo perderse nas últimas edicións. A feira de turismo FITUR proporciónalle o mellor escenario onde presentar a súa oferta turística e promocionar ás seis localidades que forman parte da asociación Villas Marineras: Baiona, Ribadesella, Llanes, San Vicente de la Barquera, Laredo e Santoña.
Esta nova edición terá lugar do 23 ao 27 de xaneiro no IFEMA, recinto feiral de Madrid. FITUR é a primeira feira do calendario de Europa e converteuse no mellor escaparate internacional para as empresas e os profesionais do sector turístico. As empresas poderán fortalecer as súas relacións comerciais e os profesionais do sector comprobarán as novas tendencias do mercado. A pasada edición pechouse coa participación de 165 países, máis de 10.000 empresas, 140.000 profesionais e 110.000 asistentes de público xeral. Este ano espérase superar esa cifra e dese modo celebrar o récord de turistas de España con 82,6 millóns de visitantes no ano 2018. Como novidade este ano incorpórase o turismo cinematográfico que se une ao turismo de saúde, de festivais ou de LGTB para loitar contra a estacionalidade.
Desde a Xerencia da Asociación Villas Marineras, Verónica Pichel e Fátima Cachafeiro da empresa consultora Avivae Soluciones Estratégicas S.L. (AVIVAE), informan que este ano seguindo a estratexia de márketing establecida, a presentación terá lugar na caseta de Cantabria (Pavillón 9). O ano anterior realizouse na caseta de Galicia e o ano que vén está previsto que se realice na caseta de Asturias para dar protagonismo ás tres comunidades autónomas ás que pertencen os/as asociados/as.
A entidade supramunicipal, contando coa colaboración do Goberno de Cantabria, realizará a presentación do seu novo produto “Experiencias en Villas Marineras” na caseta de Cantabria o xoves 24 de xaneiro ás 12:30 da mañá. Todos os asistentes poderán coñecer de primeira man o proxecto no que se traballou para seguir crecendo e gañando posicións no mercado turístico nacional e internacional. A oferta deste produto fórmano 60 experiencias mariñeiras coas que coñecer as 6 Villas Marineras da man da poboación local e dunha forma sustentable.
Así mesmo, farase entrega do “IV Premio Villas Marineras” ao cantante David Bustamante, polo seu gran labor como embaixador das vilas enxalzando a súa gastronomía, o turismo activo e de natureza, festas de interese turístico internacional, así como a tranquilidade e desconexión que lle achegan estas vilas. “Son amante das Villas Marineras” confesa David Bustamante no seguinte vídeo promocional:
O Premio Villas Marineras é un galardón co que se premia a unha persoa ou institución cuxos valores se identifiquen cos valores que promove Villas Marineras e que defenda, exalte ou promova o patrimonio e os valores dos municipios que forman parte da asociación. Obxectivo principal desta acción é crear contido sobre a marca e conseguir un posicionamento desta a través de prescritores.
Ata o momento entregáronse tres premios. O primeiro ao xornalista Carlos Herrera no ano 2015, premiando a divulgación que este xornalista fixo de Villas Marineras nos medios de comunicación. O segundo premio foi para Iñaki Gabilondo, entregado no municipio de San Vicente de la Barquera en novembro do 2016. A galardoada no ano 2017 foi María Castro, entregado en FITUR 2018, polo labor que realiza exaltando o patrimonio, tradicións e a excelencia da gastronomía das vilas mariñeiras.
ASEMBLEA ORDINARIA ASOCIACIÓN VILLAS MARINERAS
Unha vez concluída a presentación, os/as socios/as de Villas Marineras celebrarán a súa Asemblea Ordinaria no Hotel Meliá Avenida América, a cita será o xoves 24 de xaneiro ás 19:00 h. Do mesmo xeito que á presentación en FITUR, participarán os/as Alcaldes/as, os/as Concelleiros/as e Técnicos/as responsables de Turismo das localidades asociadas a Villas Marineras.

